A Xunta pon en valor o convenio asinado co concello de Riós para identificar, recuperar e promocionar a riqueza forestal das provincias de Lugo e Ourense
O acordo -con vocación de continuidade- enmárcase dentro das accións previstas no Programa estratéxico do castiñeiro e da castaña, para impulsar o cultivo desta árbore e o aproveitamento das distintas variedades de froito
A Xunta sufraga a identificación de soutos e masas de frondosas autóctonas, a loita contra as doenzas do castiñeiro, cursos formativos, a actualización do Inventario Forestal Continuo ou a promoción das agrupacións forestais de xestión conxunta
O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, veñen de supervisar as actuacións realizadas ao abeiro do convenio asinado co Concello de Riós para identificar, recuperar e promocionar a riqueza forestal das provincias de Lugo e Ourense. Nunha visita ao Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós na que estiveron acompañados do alcalde, Francisco Veiga, fixeron repaso das medidas levadas a cabo -ao tempo- no marco do Programa estratéxico do castiñeiro e da castaña, que busca impulsar o cultivo desta árbore e o aproveitamento das distintas variedades de froito.
En concreto, o Goberno galego sufraga cinco tipo de accións: a identificación de soutos tradicionais e masas de frondosas autóctonas de especial interese nas provincias de Lugo e Ourense, a vixilancia e loita contra as doenzas destas árbores e cursos de formación para produtores ou persoas interesadas en incorporarse ao sector primario. Tamén o establecemento de puntos de contraste sobre o terreo para garantir a actualización do Inventario Forestal Continuo de Galicia e accións de boa gobernanza en comunidades de montes veciñais en man común, así como a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta.
O convenio -con vocación de continuidade- responde á finalidade da Xunta de seguir desenvolvendo o sector primario sobre todo en zonas cun gran potencial forestal e agrícola, xerando novas oportunidades de emprego e riqueza a través, neste caso, da xestión activa dos soutos e dos bosques de frondosas autóctonas.
O acordo desenvólvese mediante o Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, inaugurado en 2008 e financiado en parte pola Consellería do Medio Rural. Está situado nunha área de montaña na que ten especial importancia o cultivo do castiñeiro, pero as actuacións formativas e de recuperación que se levan a cabo grazas aos fondos da Xunta benefician directamente non só aos titulares de terreos desa zona específica, senón aos do conxunto das provincias de Ourense e Lugo.
Desde o ano 2017, existe unha relación entre Medio Rural e o Concello de Riós para a participación activa do Centro de Desenvolvemento Agroforestal na creación dun programa específico de promoción da castaña, unha relación á que se deu continuidade con este convenio e que se prevé renovar para seguir dando pulo a este tipo de produción forestal.