Activo un incendio forestal no concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que entrou dende Portugal e que afecta o parque natural do Xurés

O lume chegou á nosa comunidade contra as 16,00 h e afecta unha superficie de arredor de 1 hectárea en terreo galego. No seu control traballan medios galegos e portugueses

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2022

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que entrou en Galicia procedente de Portugal e que afecta o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
O lume chegou á nosa comunidade contra as 16,00 h. e permanece activo arestora, afectando arredor de 1 hectárea en terreo galego. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 axente, 4 brigadas, 2 motobombas e 1 helicóptero do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta, ademais de medios de Portugal.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural