A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 18,00 h. de hoxe

Están activos lumes en Baltar (parroquia de Abades), Calvos de Randín (parroquia de Randín), e Entrimo (Venceáns), todos eles procedentes de Portugal. Os dous últimos afectan o Parque Natural do Xurés

Estabilizado o incendio de Baltar, parroquia de Vilamaior da Boullosa, que tamén entrou dende Portugal e que afecta unha superficie aproximada de 40 hectáreas

Extinguido un incendio forestal na Gudiña, parroquia do Tameirón, que se iniciou en dous focos e que afectou unhas 60 hectáreas

Extinguido o lume de Muíños, parroquia de Prado de Limia, que tamén entrou en Galicia dende Portugal e que afectou finalmente arredor de 8 hectáreas, tamén dentro do Parque do Xurés

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2022

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 18,00 h. de hoxe.

Calvos de Randín-Randín

Continúa activo o lume rexistrado no concello ourensán de Calvos de Randín, parroquia de Randín, que entrou dende Portugal e que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 40 hectáreas, todas elas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para o seu control mobilizáronse 2 axentes, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero.

Baltar-Abades

Está activo un lume no concello ourensán de Baltar, parroquia de Abades que tamén chegou dende Portugal e que segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 3 axentes, 3 brigadas e 2 motobombas.

Entrimo-Venceáns

Segue activo o incendio do concello ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, que tamén entrou dende Portugal e que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas, dentro do devandito Parque do Xurés. Para o seu control mobilizáronse 3 axentes, 3 brigadas, 1 motobomba e 2 avións.

Baltar-Vilamaior da Boullosa

Dende as 17,43 h. está estabilizado o incendio do concello ourensán de Baltar, parroquia de Vilamaior da Boullosa, que tamén procede de Portugal e que afecta unha superficie de arredor de 40 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 3 axentes, 4 brigadas, 1 motobomba e 1 helicóptero.

A Gudiña-O Tameirón

Ás 17,46 h. desta tarde quedou extinguido o lume do concello ourensán da Gudiña, parroquia do Tameirón, que se iniciaba en dous focos ás 10,40 h. desta mañá e que afectou, segundo as últimas estimacións, unha superficie de 60 hectáreas, das cales 45 son de raso e as 15 restantes de arborado. Para o seu control mobilizáronse 1 axente, 4 brigadas, 1 motobomba, 1 helicóptero e 1 avión.

Muíños-Prado de Limia

Dende as 16,06 h. desta tarde permanece extinguido o incendio do concello ourensán de Muíños, parroquia de Prado de Limia, que entrou Galicia dende Portugal esta pasada madrugada e que afectou, segundo as últimas medicións, unha superficie de arredor 8 hectáreas de monte raso dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural