A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,15 h. de hoxe
Permanece activo o incendio do concello ourensán de Baltar, parroquia de Abades, que entrou dende Portugal e que afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas
Está controlado o outro lume de Baltar, parroquia de Vilamaior da Boullosa, que tamén chegou dende Portugal e que afecta unha superficie aproximada de 40 hectáreas
Están extinguidos os lumes de Entrimo-Venceáns e Calvos de Randín-Randín, que tamén procedían de Portugal e que afectaron, respectivamente, 10 e 40 hectáreas dentro do Parque Natural do Xurés
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,15 h. de hoxe.
Baltar-Abades
Permanece activo o lume do concello ourensán de Baltar, parroquia de Abades, que entrou dende Portugal e que segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 3 axentes, 3 brigadas, 3 motobombas e 1 helicóptero.
Baltar-Vilamaior da Boullosa
Dende as 20,03 h. está controlado o incendio do municipio de Baltar, parroquia de Vilamaior da Boullosa, que tamén procede de Portugal e que afecta unha superficie de arredor de 40 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 5 axentes, 6 brigadas, 2 motobombas e 1 helicóptero.
Entrimo-Venceáns
Ás 19,59 h. deuse por extinguido o incendio do concello ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, que tamén entrou dende Portugal e que, segundo as últimas medicións, afectou en territorio galego unha superficie de 10 hectáreas de monte raso, dentro do devandito Parque do Xurés. Para o seu control mobilizáronse 3 axentes, 3 brigadas, 1 motobomba e 2 avións.
Calvos de Randín-Randín
Dende as 19,55 h. está extinguido o lume rexistrado no concello ourensán de Calvos de Randín, parroquia de Randín, que entrou dende Portugal e que, segundo as últimas estimacións, afectou unha superficie de 40 hectáreas (30 arboradas e 10 rasas), todas elas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para o seu control mobilizáronse 2 axentes, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.