A unidade de investigación de incendios forestais da Xunta localiza in fraganti e identifica un presunto incendiario no concello lugués de Castroverde

Tras un operativo específico de vixilancia, tres axentes da UIFO interviñeron para deter a acción incendiaria e grazas o seu labor o sinistro quedou reducido a un conato agrícola

O identificado é tamén o suposto responsable de varios lumes rexistrados con anterioridade na mesma zona, segundo as investigacións realizadas polos axentes

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2022

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural esclareceu onte un incendio na parroquia de Serés, no concello lugués de Castroverde, no que se chegaron a localizar ata tres puntos de lume. Tras un operativo específico de vixilancia, tres axentes deste corpo localizaron in fraganti e identificaron o presunto incendiario, que é tamén o suposto responsable de varios lumes rexistrados con anterioridade na mesma zona, segundo se desprende das investigacións realizadas por estes profesionais.
Ademais, grazas á rápida actuación dos axentes da UIFO, o lume quedou reducido a un conato de apenas 6 metros de superficie e afectou só superficie agrícola, evitando que pasara ao monte. Para a súa extinción mobilizáronse 2 axentes, 1 brigada e 1 motobomba. O sinistro iniciouse ás 17,07 horas e quedou extinguido ás 17,30 h.

A Consellería do Medio Rural reforzou estes días o despregamento da UIFO sobre o territorio galego diante das condicións meteorolóxicas que favorecen a actividade delituosa incendiaria e mantén, ata o novo aviso, a prohibición de realizar queimas de restos agrícolas ou forestais amoreados por parte de particulares.

A Xunta lembra ademais que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. A maiores, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural