A Xunta colabora na plantación de 300 árbores no monte de Lantaño do concello pontevedrés de Portas no marco do festival PortAmérica
O Servizo de prevención e defensa contra os incendios a través do distrito forestal XIX Caldas-O Salnés acondicionou nas últimas semanas o terreo onde mañá se plantarán exemplares de ata oito especies diferentes de frondosas autóctonas
A brigada de Moraña leva varios anos implicada nesta acción medioambiental, que noutras ocasións ten incidido na creación de cortalumes naturais ou na repoboación de zonas afectadas por incendios a través da plantación de milleiros de árbores
O Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia vén de acondicionar varias parcelas do monte veciñal de Lantaño, no concello de Portas, onde mañá se prevén plantar unhas 300 árbores de ata oito especies de frondosas autóctonas. Trátase dunha acción medioambiental promovida polos organizadores do festival PortAmérica.
A brigada de Moraña, dentro do distrito forestal XIX Caldas-O Salnés, foi a encargada de preparar o terreo nas últimas semanas, executando diversas accións de roza e acondicionamento para garantir unhas condicións óptimas para a plantación destas árbores. Dentro do seu amplo abano de actuacións preventivas contra os incendios forestais, esta brigada xa leva varios anos implicada nesta acción, que noutras ocasións ten incidido na creación de cortalumes naturais ou na repoboación de zonas afectadas por incendios a través da plantación de milleiros de árbores.
En concreto, mañá sábado, a partir das 11,00 horas, un equipo de voluntarios plantará en Outeiro Grande 300 exemplares de castiñeiros, pradairos, cerdeiras, sobreiras, abeleiras, nogueiras, freixos e carballos. Con este proxecto, que outros anos se desenvolveu no monte Xiabre, os promotores do festival buscan compensar as emisións de CO² xeradas durante a realización do evento musical, ademais de articular unha franxa de protección fronte aos incendios, incrementar a biodiversidade da zona e mellorar as condicións do solo, evitando a erosión.