A conselleira do Mar, o director xeral de Reganosa e os patróns maiores das confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos asinaron un convenio de colaboración

A Xunta, Reganosa e as confrarías de pescadores da ría de Ferrol traballarán xuntos na mellora da produtividade marisqueira da zona

Rosa Quintana sinalou que este acordo supón un reforzo ás actuacións que vén desenvolvendo o Executivo galego na zona desde o ano 2019 e que contribuirá a impulsar boas prácticas dentro do sector a prol da explotación sustentable dos recursos mariños

Dentro desta colaboración, a Consellería do Mar realizará seguimento das sementeiras de especies de moluscos que se efectúen na ría de Ferrol para rexenerar os bancos marisqueiros

Reganosa aboará a compra de semente por importe total de máis de 80.000 euros nos próximos cinco anos para a rexeneración e sementeira de especies de bivalvos en bancos marisqueiros da zona

As confrarías de pescadores efectuarán os labores de cultivo e o seguimento destas actuacións, entre outras funcións

Ferrol, 22 de febreiro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinou hoxe un convenio de colaboración co director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, coa patroa maior da confraría de Ferrol, Isabel Maroño, e os seus homólogos nos pósitos de Barallobre e Mugardos, Jorge López e Jesús Pérez, para traballar conxuntamente nos labores de rexeneración que o Executivo galego está a realizar na ría de Ferrol desde o ano 2019.
Segundo especificou a titular de Mar, este acordo supón un reforzo ás actuacións que vén desenvolvendo a Xunta na zona e contribuirá á mellora da produtividade marisqueira da ría e a impulsar boas prácticas dentro da operativa do sector a prol da protección do medio mariño e da explotación sustentable dos recursos. Con ese obxectivo, inclúe accións para a conservación e mellora de poboacións autóctonas de moluscos na ría de Ferrol que se suman ás desenvolvidas polo Executivo galego nos últimos anos.
O director xeral de Reganosa, pola súa banda, felicitouse da consecución desta “alianza estable” e confiou en que contribúa ao desenvolvemento de Ferrolterra e dun sector -a pesca e o marisqueo- cara o que a compañía sente “especial afecto e admiración”. Por iso, apostou por seguir afrontando os retos con contornas de colaboración coma esta.
Mentres, os representantes das confrarías salientaron as bondades deste acordo e fixeron un chamamento a outras empresas da contorna de Ferrol para que sigan ese camiño de apoio ao sector. Coas súas aportacións, aseguraron, contribuirán á recuperación da ría e a preservar un patrimonio colectivo que todos os cidadáns teñen a obriga de coidar.
Dentro desta colaboración, a Consellería do Mar realizará as actuacións de seguimento necesarias para asegurar o aproveitamento das sementeiras de especies de moluscos que se leven a cabo co fin de restaurar os bancos marisqueiros e recuperar a súa capacidade produtiva. Entre estes labores están a realización de mostras, estudos e avaliacións científicas nos hábitats costeiros de importancia marisqueira, a redacción e execución de proxectos de conservación e restauración e o seguimento científico e difusión dos seus resultados.
Pola súa banda, Reganosa aboará a compra de semente por importe total de máis de 80.000 euros nos próximos cinco anos para a rexeneración e sementeira de especies de bivalvos en bancos marisqueiros da ría de Ferrol.
Con esta contía as confrarías de pescadores efectuarán os labores de sementeira, encargaranse de coordinarse entre elas, de poñer en marcha os plans de actuación necesarios e de realizar o seguimento e a toma de mostras nas zonas de sementeira.

Melloras desenvolvidas

Entre as melloras de rexeneración desenvolvidas pola Xunta no banco das Pías desde o ano 2019 están o seguimento das poboacións de moluscos bivalvos, o establecemento dun punto de control na contorna deste banco, a remoción de substrato nunha superficie de máis de 85.000 metros cadrados para aumentar a biodiversidade da zona ou a adición de 40.000 metros cúbicos de áridos nunha superficie de máis de 25.000 metros cadrados na parte leste do banco. A estes traballos engádese a realización de campañas de retirada de estrelas de mar -especies que se alimentan de marisco-.
Ademais o Goberno galego realiza un seguimento constante das poboacións de moluscos bivalvos de interese comercial da ría de Ferrol. De feito, actualidade estanse a facer controis de entrada e saída dos bancos e dos talles na pontona instalada na contorna, labores de vixilancia, mostraxes do crecemento e evolución dos recursos e control dos depredadores.
Ao mesmo tempo, os técnicos están a desenvolver labores de seguimento na zona na que se aportaron áridos para avaliar a súa recuperación. Tamén se está a estudar a posibilidade de rexenerar máis zonas mediante arados e a oportunidade de realizar outras actuacións en caso de que sexa necesario.

Imaxes relacionadas