A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos organizan hoxe unha xornada de doazón de sangue, na que participou esta mañá a titular do departamento autonómico
Ángeles Vázquez anima á cidadanía galega a doar sangue como un xesto solidario e que salva vidas
Lembra que os centros hospitalarios galegos necesitan cada día entre 400 e 500 doazóns
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou hoxe á cidadanía galega a doar sangue e colaborar nas diferentes campañas que se organizan periodicamente na Comunidade co fin de incentivar este tipo de accións xa que, segundo dixo, se trata dun xesto de “solidariedade” grazas ao cal se poden salvar moitas vidas.
Despois de pasar a doar pola unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) instalada detrás do edificio da Consellería, na zona do aparcadoiro, Vázquez Mejuto lembrou que se estima que os hospitais galegos necesitan cada día entre 400 e 500 doazóns de sangue para atender unha media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e ao redor de 3 transplantes.
Co obxectivo de contribuír a atender esa demanda, o departamento autonómico decidiu colaborar por primeira vez con ADOS na organización dunha xornada de doazón de sangue nas inmediacións do edificio administrativo de San Lázaro, unha localización escollida para facilitar que todo o persoal da Consellería se poida achegar ata a unidade móbil.
Así mesmo, a conselleira indicou que a maior demanda en Galicia céntrase nos grupos sanguíneos A+ e 0+, xa que son tamén os máis numerosos entre a poboación, pero lembrou que o 0-, ao ser doante universal, é un tipo de sangue que sempre se necesita nos centros hospitalarios porque se pode empregar con todos os pacientes.
Tras destacar a conciencia solidaria que se ten creado na Comunidade nos últimos 20 anos grazas ao traballo de entidades como ADOS, Ángeles Vázquez quixo agradecer en especial o esforzo de todos os galegos que acudiron a doar sangue durante os anos 2020 e 2021, a pesar do contexto complicado e excepcional causado pola covid.
Por iso, fixo un chamamento á cidadanía para manter a tendencia “espectacular” coa que comezou 2022 en canto a doazóns e en concreto, animou a todos os veciños de Santiago e da súa contorna —maiores de idade e que pesen máis de 50 kg— a achegarse hoxe ata o aparcadoiro de San Lázaro para doar e contribuír “a que o mundo siga latexando”. “É un pequeno esforzo pero co que se poden salvar ata tres vidas”, subliñou.
A unidade móbil de ADOS permanecerá aberta hoxe ata as 14,30 horas, en horario ininterrompido.
As persoas interesadas en participar na iniciativa e facer unha doazón deben levar o seu DNI, tarxeta de doante ou similar, así como o correspondente informe médico, en caso de que estea a tomar algún medicamento.