A Xunta destina máis de 6,1 M€ en axudas para a boa gobernanza a máis de mil comunidades de montes veciñais en man común
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural relativas á convocatoria de 2021
Parte do financiamento desta convocatoria -a primeira desta natureza- provén do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, unha novidade no ámbito forestal galego e nacional
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural para o impulso da boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común, relativas á convocatoria de 2021. Así, un total de 1.056 comunidades víronse beneficiadas destas achegas por un importe de máis de 6,1 millóns de euros. Cómpre sinalar que son obxecto de axudas un total de 1.870 expedientes, xa que cada comunidade beneficiaria pode ser subscritora de máis dun expediente.
A través desta liña de achegas subvenciónanse catro tipos de actuacións. En primeiro lugar, as referidas ao apoio técnico profesionalizado para a xestión forestal, con subvencións á xestión administrativa e técnica para o desenvolvemento dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal aprobados. Tamén se contempla sufragar a certificación forestal do monte ou o seguimento das actuacións relacionadas, como a obtención de permisos administrativos, redacción de proxectos, memorias ou informes, tramitación de axudas públicas ou direccións de obra.
En segundo termo, prevense achegas para esbozos, que se concretarán, por exemplo, na revisión daqueles que recollen os límites dos montes veciñais, xa que unha boa parte deles presentan inexactitudes ou erros cartográficos. A terceira liña de axudas refírese aos deslindamentos parciais entre as comunidades de montes, para poder delimitar legalmente e dun xeito consensuado os límites entre as distintas propiedades. A cuarta actuación que se subvenciona ten que ver cos deslindamentos parciais entre as comunidades e terreos de particulares, coa mesma finalidade que a anterior.
Estas axudas están bianualizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (sobre o 90%) correspóndese ao primeiro semestre do ano 2022. Unha vez aprobada a modificación do financiamento das axudas da convocatoria, as actuacións número 1 (apoio técnico) e número 2 (esbozos), están financiadas polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, o cal constitúe unha novidade no ámbito forestal de Galicia e do conxunto de España.
Tal e como se contemplaba na orde orixinal, as actuacións número 3 (deslindamentos parciais entre as comunidades) e número 4 (deslindamentos parciais entre as comunidades de montes veciñais en man común e terreos de particulares) están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.
Datos por provincias
Todas estas axudas van destinadas exclusivamente ás comunidades de montes veciñais en man común inscritas no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común regulado na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Se analizamos os beneficiarios por provincias, na da Coruña aprobáronse 124 expedientes a 85 comunidades, por un importe total de case 400.000 euros; na de Lugo deuse luz verde a 656 expedientes correspondentes a 328 beneficiarios, por un orzamento conxunto de máis de 2,1 millóns de euros; na de Ourense aprobáronse 650 expedientes a 367 comunidades de montes veciñais en man común por un importe total de case 2,1 millóns de euros e, finalmente, na provincia de Pontevedra foron 440 os expedientes aprobados, de 276 comunidades por un valor de máis de 1,5 millóns de euros.
Respecto aos obxectivos das axudas, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal persegue a posta en valor dos montes veciñais en man común para contribuír á fixación de poboación no rural, así como á multifuncionalidade destes terreos e ao desenvolvemento sostible dos recursos mediante instrumentos de ordenación ou xestión forestal que axuden na anticipación aos lumes. Nesa liña, búscase ademais incrementar o número de montes con certificación forestal baixo os sistemas PEFC ou o FSC, contribuír á loita contra o cambio climático mediante unha xestión axeitada que fixe mellor o carbono e reduza as emisións á atmosfera e, por último, fomentar a consolidación das masas de especies frondosas autóctonas, xa que os montes que alberguen este tipo de masa forestal que estean rexistradas ou en proceso de inscrición no rexistro correspondente terán prioridade para acceder ás axudas.
Deste xeito amósase a aposta decidida da Xunta pola dinamización da xestión dos montes veciñais en man común, favorecendo dinámicas de boa gobernanza, e o fomento da xestión forestal sustentable de xeito profesionalizado en liña co establecido na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara a neutralidade carbónica”. Así, no eixo III deste documento (xestión forestal e loita contra o abandono do monte) inclúense, entre outros, o programa de dinamización da xestión en montes veciñais en man común.