A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Julio Yebra, asinaron esta semana un acordo de cooperación para cofinanciar a obra

A Xunta e o Concello de Carballedo investirán 113.000€ na humanización dos accesos á ruta de Salgueirón

A actuación urbanística, que se enmarca nos obxectivos do plan Hurbe, incluirá o acondicionamento de varios camiños locais no lugar da Barrela, capital do municipio

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia e o Concello de Carballedo cofinanciarán cun investimento total de 113.000 euros unha actuación urbanística para humanizar os accesos á ruta de Salgueirón, no lugar da Barrela. Así o comprometeron esta semana a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Julio Yebra, a través da sinatura dun convenio no que fixaron os termos da súa colaboración técnica e económica na execución desta obra.

A intervención prevista consistirá no acondicionamento de varios camiños locais na Barrela, capital do municipio ourensán, que serven de acceso á referida ruta. Previamente, procederase á limpeza do treito, que presenta tres anchuras—a máis ampla de 4 metros e a máis estreita de 2,5 metros—, atravesa unha zona rodeada de arboredo autóctono, sobre todo carballos e castaños, e algúns prados.

En concreto, abriranse cunetas nos camiños, agás na zona con menor anchura, colocaranse tubos para facilitar a saída da auga e aplicarase firme de saburra compactada de 30 centímetros de espesor e tamén de formigón.

Cun investimento comprometido de 113.010,24 euros —o 70% por parte do departamento autonómico e o 30% restante, do Goberno local—, o convenio asinado enmárcase nos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai 12 anos co fin de axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos para a creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

Neste sentido, cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos para promover actuacións que, como a proxectada en Carballedo, contribúan a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

Por esta razón, a Consellería manterá esta liña de cooperación cos concellos tamén este ano, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Imaxes relacionadas