A Xunta convoca tres novos permisos de explotación para marisqueo a pé na confraría de Lira e outros tres na modalidade de percebe a pé
O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles tras a publicación das dúas convocatorias no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web da Consellería do Mar
A Consellería do Mar vén de convocar tres novos permisos de explotación para marisqueo a pé na confraría de pescadores de Lira e outros tres na modalidade de percebe a pé no ámbito do plan de xestión da entidade para este crustáceo. Para poder optar a eles, os solicitantes deben cumprir, entre outros, os requisitos exixidos no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se regulan os permisos de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira e o que establece a orde que regula a explotación dos recursos específicos. Ademais, deben presentar a documentación requirida pola Consellería do Mar.
Os interesados poden consultar a convocatoria na páxina web da Consellería do Mar nos seguintes enlaces, para marisqueo xeral a pé e para percebe a pé. O prazo de presentación é de 15 días hábiles tras a publicación das dúas convocatorias no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web da Consellería.
As solicitudes e a documentación acreditativa deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.es). Opcionalmente tamén se poderán presentar en papel nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos e no resto de lugares indicados na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Unha vez rematado o prazo de solicitude, a Consellería do Mar procederá á súa valoración. As solicitudes que cumpran os requisitos para a modalidade de marisqueo xeral a pé serán estudadas e baremadas de acordo co que establece a Resolución do 12 de novembro de 2013 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se aproba o baremo para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé. No caso dos permisos da modalidade de percebe a pé, terase en conta o baremo para obter o permiso de explotación a pé para recursos específicos, aprobado pola resolución do 4 de maio de 2016 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.
Todas as prazas son convocadas despois de comprobar a súa viabilidade nos informes técnicos e sempre tendo en conta a compatibilidade e sustentabilidade dos recursos e criterios socioeconómicos.