A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar participou na presentación do Plan Complementario de Ciencias Mariñas
Galicia promove as sinerxías entre os investigadores e o tecido empresarial para afrontar os retos de futuro no eido mariño e impulsar a súa transformación
A comunidade presenta un programa específico de ciencias mariñas que é o resultado do traballo de máis de 250 investigadoras e investigadores da comunidade científica galega e no que participan 80 grupos de investigación de sete institucións
Esta estratexia busca optimizar a observación e monitorización dos ecosistemas mariños para aproveitar os seus recursos de xeito sustentable, potenciar a produción acuícola a través de distintas melloras no eido da investigación e promover a transformación socioeconómica mediante a transferencia do coñecemento
A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, participou hoxe na presentación do Plan Complementario de Ciencias Mariñas -deseñado por España no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia- coa exposición do programa específico elaborado pola comunidade neste eido. A representante do Executivo galego explicou que Galicia xerou unha proposta única, un proxecto integrador con vocación de dar solución ás necesidades máis inmediatas do sector mariño galego fortalecendo as sinerxías entre os axentes de investigación e o tecido empresarial para afrontar os retos futuros.
Silvia Cortiñas subliñou durante a súa intervención neste evento, que se celebrou na sede do Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Murcia, que a investigación mariña ten ante ela grandes retos nos que é fundamental a implicación e o compromiso da Administración para crear instrumentos na liña do Plan Complementario de Ciencias Mariñas, centrados na colaboración e que permitan avanzar ao conxunto da sociedade.
Neste sentido, explicou que o programa específico galego segue as directrices marcadas polo comité de gobernanza -integrado por cinco comunidades (Galicia, Andalucía, Cantabria, Murcia e a Comunidade Valenciana)- e é o resultado do traballo en rede de máis de 250 investigadoras e investigadores da comunidade científica galega. De feito, o plan de Galicia está organizado en 11 paquetes de traballo, 33 actuacións, 133 actividades e 364 tarefas e nel participan 80 grupos de investigación de sete institucións galegas, onde se integran as tres universidades públicas, catro centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e seis centros de investigación dependentes da Xunta.
A secretaria xeral técnica incidiu en que un dos tres grandes retos do programa galego é desenvolver unha estratexia de gobernanza permanente da observación e monitorización do ecosistema mariño en todas as súas dimensións, o que permitirá obter a información necesaria para garantir un aproveitamento máis sustentable dos seus recursos. Nesta liña, a comunidade desenvolverá ferramentas e tecnoloxías innovadoras para construír unha plataforma de datos integrada no centro de supercomputación galego.
O segundo dos obxectivos do plan é potenciar unha produción acuícola sustentable mediante a mellora da investigación xenómica -para mellorar os resultados do sector-, desenvolver ferramentas para o abastecemento estable de semente na acuicultura de moluscos bivalvos, mellorar a prevención e control de patoloxías e xerar novos sistemas de cultivo sustentable baseados na acuicultura multitrófica empregando macroalgas.
A representante do Executivo galego engadiu a estes dous retos un terceiro, a transformación social e económica e a transferencia, capacitación e capitalización do coñecemento cara unha auténtica economía azul sustentable. Este obxectivo, detallou, abordarase mediante unha investigación multidisciplinar no eido das ciencias sociais que inclúa ramas como a física, a química, a xeoloxía ou a bioloxía, entre outras, para acadar un desenvolvemento sustentable e resiliente da contorna costeira galega.
Silvia Cortiñas salientou que a comunidade, froito deste traballo, realizará propostas que axuden á toma de decisións e a desenvolver un modelo integrado de xestión do fluxo de coñecemento científico en ciencias mariñas adaptado ao contexto ambiental, sociocultural, económico e institucional de Galicia. A prioridade, subliñou, debe ser reforzar a cultura científica, a capacidade de transferencia de coñecemento e a capacitación das persoas e organizacións como catalizadores para a innovación e a transformación social.
Nesta liña, a representante da Consellería do Mar puxo en valor que o programa galego ten vocación de permanencia máis aló do propio plan complementario e que busca integrar os desafíos científicos dunha área estratéxica para Galicia como é a investigación mariña así como impulsar a transformación do tecido empresarial mariño.
A secretaria xeral técnica lembrou que a comunidade galega é unha potencia mundial dos sectores da pesca e da acuicultura e que con este plan pretende liderar unha auténtica recuperación verde, dixital, inclusiva e social polos mares e océanos.
Os plans complementarios
Os plans complementarios son un novo instrumento creado polo Goberno do Estado ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia cos que se pretenden establecer colaboracións coas comunidades autónomas en accións de I+D+i que teñan obxectivos comúns baseados en intereses reflexados na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) estatal e autonómica.
A finalidade é crear sinerxías, aliñar a execución de fondos e establecer prioridades comúns. Por iso foron seleccionadas oito áreas de interese científico-técnicas: biotecnoloxía aplicada á saúde, ciencias mariñas, comunicación cuántica, enerxía e hidróxeno renovable, agroalimentación, astrofísica e física das altas enerxías, materiais avanzados e biodiversidade.