A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse con representantes de Agrogal, que aglutina a varias asociacións de agricultores, gandeiros e mancomunidades

A Xunta e o sector agrogandeiro colaborarán para seguir avanzando na compatibilidade entre os usos produtivos do territorio e a súa protección ambiental

Os produtores avogan por flexibilizar certos requisitos e trámites administrativos necesarios para o exercicio da súa actividade en espazos protexidos e en Rede Natura

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2022

A Xunta de Galicia e o sector agrogandeiro e forestal da Comunidade colaborarán co fin de seguir avanzando para garantir un equilibrio entre os usos produtivos do medio rural e a súa imprescindible protección desde o punto de vista medioambiental.

Esta foi a principal conclusión da xuntanza que mantiveron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e unha representación de Agrogal, asociación que aglutina ás entidades agrarias Agromacen, Xeruga, Xeagro e Agrotecnia Friol, e tamén á empresa de enxeñería e servizos forestais Certiforest.

Tras escoitar as súas inquedanzas sobre os permisos e trámites requiridos para poder realizar certas obras ou actividades necesarias para exercer a súa actividade en zonas protexidas, sobre todo en Rede Natura, a responsable galega comprometeuse a analizar algúns destes procedementos co obxectivo de simplificar e axilizar a súa tramitación.

Ao respecto, trasladoulles que a Xunta é totalmente consciente do “papel clave” que ten o sector primario e, en particular, os labregos, gandeiros e produtores forestais, como “garantes” da supervivencia e da conservación do medio natural.

Neste sentido, incidiu en que a Consellería traballa sempre, tamén á hora de impulsar novos desenvolvementos normativos en materia medioambiental, co obxectivo de combinar a protección e preservación dos valores do territorio con aquelas actividades produtivas ligadas ao mesmo.

Así, a modo de exemplo referiuse á recente modificación da Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia para suavizar os requisitos dos peches en Rede Natura introducindo a posibilidade de utilizar malla metálica para a protección do gando ou dos cultivos, unha modalidade que non se contempla no Plan director destes espazos.

Imaxes relacionadas