A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na entrega dun cento de contedores de reciclaxe á Deputación de Ourense

A Xunta e Ecoembes fíxanse o reto de mellorar os fitos dos últimos cinco anos nos que se entregaron 10.000 contedores para fomentar a reciclaxe

    Ángeles Vázquez salienta que a provincia de Ourense recibiu case 1.150 contedores desde 2017, sumando os entregados esta mañá á Deputación provincial

    Defende que as accións promovidas tamén incrementaron a concienciación da sociedade galega, implicación que se visualiza no feito de que cada galego recicla 6,4 quilos máis que hai cinco anos

San Cibrao das Viñas (Ourense), 20 de abril de 2022.- A Xunta e Ecoembes fíxanse o reto de mellorar os fitos dos últimos cinco anos, un período no que se entregaron 10.000 contedores para fomentar a reciclaxe de envases lixeiros e papel-cartón.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá na entrega dun cento de contedores de reciclaxe á Deputación de Ourense, polo que xa suman 1.142 os que no último lustro dispuxeron Xunta e Ecoembes nos concellos da provincia.

 

No acto celebrado no punto limpo do polígono industrial de San Cibrao das Viñas tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o deputado delegado de Cooperación na Deputación; o xerente da Zona Norte de Ecoembes, Fernando Blázquez; e o alcalde, Manuel Pedro Fernández.

 

Tal e como explicou a conselleira, instalar 10.000 novos contedores supuxo ampliar nun 20% a rede para facilitar a reciclaxe dos galegos e, concretamente, 7.761 foron amarelos, para depositar envases lixeiros (plásticos, latas e bricks); e 2.239 azuis, nos que se recolle o papel e cartón. O investimento para a instalación destes 10.000 puntos foi de 3,6 millóns de euros

 

En total, o parque de contedores de Galicia suma 52.800 contedores de envases lixeiros e papel-cartón, o que supón 1 por cada 51 habitantes.

 

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que, ademais de ampliar os puntos de reciclaxe, ambas institucións tamén impulsan e colaboran no desenvolvemento de accións de concienciación e formación.

 

Nese sentido, indicou que ao traballo realizado nestes últimos cinco anos ten tamén un reflexo na implicación cidadá; pois a reciclaxe deste tipo de refugallos tamén aumentou. Tendo en conta as cifras de 2021, cada galego reciclou 30 quilos de envases lixeiros e papel-cartón, o que supuxo 6,4 quilos máis que hai cinco anos.

 

Ángeles Vázquez destacou hoxe que o modelo de reciclaxe e a sensibilización dos galegos está consolidado, pero mostrouse convencida de que se pode facer un esforzo máis para incrementar as o volume de toneladas recollidas en 2021, 73.000, e desexou que en 2022 se rexistre un novo récord.

Imaxes relacionadas