A Xunta avalía coa confraría de pescadores de Cariño a súa situación e as necesidades do sector da zona
Cariño (A Coruña), 1 de xuño de 2022 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a confraría de pescadores de Cariño, onde mantivo un encontro cos seus representantes para analizar a situación da entidade e as necesidades do sector profesional que traballa na súa área de influencia. Neste sentido, a titular de Mar, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, expuxo as distintas opcións de apoio que ten a Xunta a disposición do sector e que contribúen á mellora dos resultados dos profesionais do marisqueo como poden ser as axudas á rexeneración dos bancos marisqueiros así como outras medidas para impulsar a produción.
Esta xuntanza enmárcase na rolda de contactos que mantén de xeito periódico a Consellería do Mar coas distintas confrarías de pescadores e asociacións do sector para estudar e coñecer de primeira man as necesidades de cada zona e buscar posibles solucións. Rosa Quintana puxo en relevo a importancia de que haxa un contacto estreito entre sector e Administración coa finalidade de afrontar os retos aos que se enfrontan as distintas zonas de pesca e favorecer que a actividade marítimo-pesqueira siga mantendo o seu papel como dinamizadora das zonas costeiras e da economía de Galicia.