Galicia acolle a próxima semana unha xornada de alto nivel sobre a política pesqueira común e os retos de futuro para adaptala ás necesidades do sector
O encontro, organizado pola Xunta en colaboración coa Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas, celébrase o luns e o martes no Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña e contará coa participación tanto de representantes institucionais como do sector marítimo-pesqueiro a nivel nacional e europeo
As distintas mesas de debate farán balance dos últimos anos da PPC e dos cambios necesarios para que dea resposta á realidade dos profesionais do mar e das distintas rexións costeiras europeas
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia organiza os próximos luns e martes unhas xornadas en colaboración coa Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) nas que se abordará o futuro da pesca facendo un balance da aplicación nos últimos anos da política pesqueira común (PPC) e realizando propostas para mellorar a súa eficacia nos vindeiros exercicios adaptándoa ás necesidades do sector. Con ese obxectivo, contará coa participación de representantes de distintas institucións nacionais e europeas así como das principais rexións pesqueiras da Unión Europea e do propio sector marítimo-pesqueiro.
O evento Que futuro queremos para o sector pesqueiro da UE? Balance da aplicación e propostas de futuro para a política pesqueira común desde as rexións costeiras da UE combinará o formato presencial co online e celebrarase no Pazo de Congresos e Exposicións (Palexco) da Coruña. A inauguración será o luns pola tarde e nela participarán a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o vicegobernador de Creta e vicepresidente da CRPM para Asuntos Marítimos, George Alexakis, e as súas intervencións serán moderadas polo director da CRPM para Asuntos Marítimos e Clima, Giuseppe Sciacca.
A sesión que se celebrará o luns pola tarde centrarase na Aplicación da política pesqueira común: leccións aprendidas polos Gobernos rexionais da UE, na que tamén participará a conselleira do Mar xunto a outros representantes de rexións pesqueiras europeas. Está previsto que participen a vicepresidenta da rexión francesa País do Loira e responsable do grupo de traballo de Pesca da CRPM, Claire Hugues; o vicepresidente do Consello Rexional da Bretaña francesa, Daniel Cueff; o conselleiro da rexión danesa de Nordjylland, Tage Leegaard; a directora xeral de Pesca e Alimentación de Cantabria, Marta López; e un representante do Goberno vasco. As conclusións desta xornada correrán a cargo de Giuseppe Sciacca.
A xornada do martes desenvolverase con sesións de mañá e tarde. A da mañá centrarase na Aplicación da política pesqueira común: debate cos representantes do sector pesqueiro e institucións públicas, que contará cunha primeira mesa na que intervirán distintos representantes de institucións europeas e estará moderada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, que dará paso a unha mensaxe de vídeo do comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca da Comisión Europea, Virjinijus Sinkevicius.
A mesa de debate estará conformada pola conselleira do Mar, Rosa Quintana; o presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind; o presidente da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro; a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz; e o conselleiro do Principado de Asturias e conselleiro coordinador das comunidades autónomas no Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea, Jesús Calvo.
A continuación celebrarase a mesa de debate dos representantes do sector pesqueiro, que será moderada polo secretario da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (Fremss), Torcuato Teixeira. Nela participarán o presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo, Iván López; o secretario xeral adxunto da Unión de Armadores da Pesca Francesa, Jérôme Jourdain; o presidente da Asociación Europea de Organizacións de Produtores de Pescado (EAPO), Esben Sverdrup-Jensen; a directora da Oficina Europea de Conservación e Desenvolvemento (EBCD), Despina Symons; e o presidente de Europêche, Javier Garat. As conclusións deste apartado correrán a cargo da secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas.
A xornada continuará pola tarde coa sesión Retrospectiva da política pesqueira común: o papel de Galicia, que será moderada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta. No debate participarán o deputado galego no Parlamento Europeo Francisco Millán Mon; o exconselleiro de Pesca, Enrique López Veiga; e o exdirector de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Ernesto Penas. Tras esta mesa de debate, a xornada será clausurada pola conselleira do Mar.
A xornada
Este encontro sobre a política pesqueira común é un paso máis da Xunta de Galicia no traballo da comunidade co obxectivo de que as súas demandas e necesidades sexan atendidas polas autoridades europeas ante o informe que vai emitir a Comisión Europea nas vindeiras semanas sobre o funcionamento da PPC. Galicia conta xa cun ditame do Consello Galego de Pesca que recolle as propostas da comunidade neste eido e que está a ser trasladado a todas as autoridades competentes, ao Parlamento de Galicia e aos representantes galegos no Congreso dos Deputados, no Senado e no Parlamento Europeo para que defendan os intereses do sector marítimo-pesqueiro galego.
Este evento tamén permite ao Executivo galego avanzar no contacto con outras rexións pesqueiras europeas -que comezou en febreiro cunha visita á Bretaña francesa e continuará nos próximos meses con Países Baixos, Dinamarca e Irlanda- para crear sinerxías e pechar alianzas así como seguir traballando da man das principais organizacións pesqueiras europeas e das grandes redes de rexións costeiras atlánticas.