A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse esta semana por videoconferencia con representantes das asociacións ACES, ASPAPEL e STANPA
A Xunta comparte a preocupación dos sectores afectados pola normativa sobre a reutilización dos envases comerciais e industriais
Ángeles Vázquez aborda os problemas xurídicos, ambientais e técnicos que se poden derivar do proxecto de Real Decreto de envases e residuos de envases
O Goberno galego comparte a preocupación dos sectores afectados pola normativa sobre a reutilización dos envases comerciais e industriais. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, esta semana aos representantes da Asociación de Cadeas Españolas de Supermercados (ACES), da Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (Aspapel) e da Asociación Nacional de Perfumería e Cosmética (Stanpa).
Durante a xuntanza, abordaron os problemas xurídicos, ambientais e técnicos do proxecto de Real Decreto de envases e residuos de envases que está a tramitar o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, facendo especial fincapé na proporción de envases reutilizables que ha de poñerse en circulación.
Ángeles Vázquez avaliou a proposta de identificar a contribución do Punto Verde —símbolo que indica que a empresa produtora financia a recollida e reciclaxe do envase— produto a produto para garantir a viabilidade do sector.
Deste xeito, sería máis transparente a formación dos custos de produción e protexeríanse os elos máis débiles da cadea alimentaria co traslado deses custos a todas as partes implicadas. Ademais, aseguraríase o correcto funcionamento dos sistemas e modelos de xestión destes residuos.
A maiores, no encontro mantido por videoconferencia, analizaron a posibilidade de flexibilizar a xerarquía no caso dos envases comerciais e industriais, equiparando a reciclaxe á reutilización, tal e como permite a Directiva de residuos.
Esta reunión enmárcase na rolda de contactos que os 35 sectores afectados polo futuro Real Decreto de envases e residuos de envases, que representan á maior parte da industria, o comercio e a distribución de España, están a manter coas diferentes Comunidades Autónomas.