A Xunta colabora co Concello de Vedra na mellora de infraestruturas municipais
O delegado da Xunta, comprobou hoxe as actuacións levadas a cabo a través das axudas do Goberno galego na pista polideportiva e no velódromo e anunciou outra axuda de máis de 27.000 euros para a reforma da escola unitaria de San Fins de Sales
O orzamento global da Orde de infraestruturas de uso público ascende este ano a 3,5 millóns de euros e na comarca de Santiago concedéronse, este ano, 9 axudas por máis de 316.000 euros que mobilizarán máis de 538.000 euros
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, visitou as melloras nas instalacións municipais realizadas ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público do ano pasado. A achega da Xunta ascendeu a máis de 27.000 euros, que se destinaron á instalación da iluminación exterior da pista polideportiva e do velódromo neste municipio.
Segundo explicou o representante do Goberno autonómico Vedra volverá a contar cunha axuda, este ano, desta orde de máis de 27.000 euros para levar a cabo a reforma da escola unitaria de San Fins de Sales que mobilizará, en colaboración co concello, máis de 39.000 euros. Trenor referiuse á relevancia destas actuacións a prol da actividade cultural e social do concello e dun axeitado desenvolvemento dos seus servizos municipais.
Apoio aos concellos con menor poboación
A Orde de infraestruturas de uso público destínase a concellos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Neste ano, o orzamento previsto para as actuacións ascende a 3,5 millóns de euros.
Concretamente, na área de Santiago concedéronse 9 axudas que beneficiarán aos concellos de Arzúa con Melide, Rois con Dodro, Boimorto con Vilasantar, Boimorto, Ordes, Oroso, Vedra, Frades e Trazo. A Xunta destinará a estas 9 actuacións de melloras das súas infraestruturas máis de 316.000 euros que mobilizarán máis de 538.000 euros.
Desde a creación da orde, en 2009, o Goberno galego mobilizou máis de 44 millóns de euros para financiar 1.480 proxectos en concellos de toda Galicia, dos que 125 se executaron o pasado ano e 108 serán executados este ano.
O obxectivo é garantir un equilibrio entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita tanto o desenvolvemento económico da totalidade do territorio galego como unhas óptimas condicións de vida da cidadanía con independencia do lugar de residencia.