A Xunta licita as obras para reformar a Praza da Constitución, a zona do mercado e a contorna da biblioteca municipal de Bande

Esta actuación contará cun investimento inicial estimado de 107.463,80 euros, dos que a Xunta achegará o 70% e o concello o 30% restante

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2022

A Xunta vén de licitar as obras para levar a cabo melloras urbanísticas na praza da Constitución, na zona do mercado e na contorna da biblioteca municipal de Bande. Esta actuación contará cun investimento inicial estimado de 107.463, 80 euros, dos que a Xunta achegará o 70% e o concello o 30% restante.

 

Os traballos, cun prazo de execución de 5 meses, permitirán recuperar este espazo público, concibido para o esparexemento e o lecer e con vistas privilexiadas ao Xurés, a través dunha mellora urbanística que incida, sobre todo, na continuidade do conxunto.

 

Para iso, o proxecto centrarase en resolver a accesibilidade dos distintos niveis existentes, lonxitudinal e transversalmente. As obras incluirán o derrubamento e levantado do terrazo e dos chanzos de unión, obras de saneamento e drenaxe, renovación do pavimento con terrazo sobre soleira de formigón, lastro nas zonas de pendente que envolven a biblioteca, lousa na fonte e cantaría en chanzos e bordos.

 

Tamén se mellorará o mobiliario, coa colocación de bancos de madeira e de formigón nos ámbitos da biblioteca e da nova balconada, resultado da valorización do muro de cantería para que sirva de transición entre os distintos niveis e potencie as vistas.

 

Os traballos de reforma e acondicionamento en Bande levaranse a cabo ao abeiro do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis de 10 anos co obxectivo de brindar o seu apoio ás entidades locais na execución deste tipo de proxectos e que este ano conta cun orzamento reservado de 7 millóns de euros.

Cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego nos últimos 12 anos por brindar o seu apoio ás entidades locais a través do plan Hurbe na promoción de actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

Imaxes relacionadas