A Xunta de Galicia aspira a que as tres novas edicións da BFAuto impulsen proxectos que dean resposta ás novas formas de mobilidade eficiente
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Vigo á presentación de resultados da Business Factory Auto
Destaca o alcance internacional desta aceleradora especializada na industria da automoción grazas ao talento
Unha de cada catro empresas que naceron no marco desta iniciativa xa exporta os seus produtos ou servizos
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Vigo na presentación de resultados da Business Factory Auto (BFAuto), onde asegurou que a Xunta de Galicia aspira a que as tres novas edicións desta aceleradora especializada na industria da automoción impulsen proxectos que dean resposta ás novas formas de mobilidade eficiente.
Neste sentido, Conde avogou por seguir traballando nos retos da transición enerxética e dixital a través da colaboración público-privada, co obxectivo de mellorar a competitividade desta industria estratéxica para Galicia. De feito, a colaboración entre microempresas, pemes e grandes compañías da industria -co apoio das administracións- que se promove a través da aceleradora está permitindo completar a cadea de valor do sector en eidos relacionados coa dixitalización e a industria 4.0.
Na súa intervención, o vicepresidente económico puxo en valor tanto o talento como o alcance internacional desta iniciativa, pois unha de cada catro empresas que naceron da BFAuto xa exporta os seus produtos ou servizos.
Tal e como se puxo de manifesto no acto de presentación, presentáronse 500 proxectos de 49 países durante as seis edicións celebradas da BFAuto. Así mesmo, creáronse 64 startups que alcanzan unha facturación de 90 millóns de euros e os 550 empregos.