A Xunta adxudica por máis de 83.000 euros o acondicionamento dos accesos á ruta de Salgueirón, en Carballedo

A actuación urbanística, que se enmarca nos obxectivos do plan Hurbe, prevé a posta a punto de varios camiños locais no lugar da Barrela, capital do municipio

 Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2022 A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por un importe de máis de 83.000 euros as obras de acondicionamento dos accesos á ruta de Salgueirón, no concello lucense de Carballedo.

 

A intervención prevista, cun prazo de execución dun mes, consistirá na posta a punto de varios camiños locais no lugar da Barrela, capital do municipio lucense, que serven de acceso ao referido itinerario.

 

Previamente, procederase á limpeza do treito, que presenta 3 anchuras—a máis ampla de 4 metros e a máis estreita de 2,5 metros—, atravesa unha zona rodeada de arboredo autóctono, sobre todo carballos e castaños, e algúns prados. En concreto, abriranse cunetas nos camiños, agás na zona con menor anchura, colocaranse tubos para facilitar a saída da auga e aplicarase firme de saburra compactada e tamén de formigón.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asumirá o 70% do custo das obras e o Concello de Carballedo achegará o 30% restante, tal e como figura no convenio subscrito o pasado mes de marzo entre a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Julio Yebra para fixar os termos da súa colaboración técnica e económica.

 

Ademais, a actuación enmárcase nos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década co fin de axudar ás entidades locais a executar diferentes proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

 

Neste sentido, cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos para promover actuacións que, como a licitada en Carballedo, contribúan a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

 

Por esta razón, a Consellería mantén esta liña de cooperación cos concellos tamén este ano, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.