A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse esta semana co alcalde

A Xunta e o concello de Cerdedo-Cotobade avalían o proxecto para humanizar o núcleo dos Castros

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2022.-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, avaliaron o proxecto para humanizar o núcleo dos Castros, na parroquia de Quireza, durante una reunión que mantiveron esta semana.

 

Esta actuación, cun orzamento estimado de 250.000 euros, pretende a humanización e embelecemento do núcleo dos Castros, así como a mellora tanto da infraestrutura de abastecemento e saneamento de pluviais como da rede de iluminación e eficiencia enerxética.

 

Cómpre lembrar que o plan Hurbe foi posto en marcha polo Goberno galego en 2010 para promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sustentabilidade económica, medioambiental e social; así como mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais galegos.

 

De feito, dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

 

A maiores, durante a xuntanza, estudaron a posibilidade de continuar a mellorar a contorna da carballeira de San Xusto levando a cabo un proxecto de rehabilitación.

Imaxes relacionadas