A Xunta sinala en Ribeira que o programa integrado de emprego de Amicos permitiu a mellora da formación e o acceso laboral de 123 persoas con discapacidade

O directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura da iniciativa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiou con 287.000 euros
 

Lado destacou a porcentaxe de inserción laboral conseguido, máis dun 50%, o que supón que 65 persoas sen emprego accederon ao mercado de traballo
 

O Goberno galego incrementou nun 2% o orzamento da convocatoria 2022-2023, que está a piques e resolverse, o que permitirá a posta en marcha de máis de 40 proxectos para formar e mellorar as oportunidades laborais de 4.100 persoas sen emprego

Ribeira (A Coruña), 3 de novembro de 2022 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiou con 287.000 euros o programa integrado de emprego de Amicos, o que permitiu que ao longo dun ano 123 persoas con discapacidade melloraran a súa formación e o acceso laboral en eidos vinculados ao comercio, almacén e limpeza. Os participantes, ademais, recibiron cualificación transversal en novas tecnoloxías e idiomas, motivación para a procura de emprego ou habilidades sociolaborais.

 

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura desta iniciativa destacando a porcentaxe de inserción laboral conseguido, máis dun 50%, o que supón que un total de 65 persoas con discapacidade accederon ao mercado de traballo.

 

“A grandeza de Amicos é que sodes unha asociación que contribúe a ofrecer futuros mellores para persoas en situación de vulnerabilidade, unha entidade inspirada no valor da solidariedade”, apuntou Lado, ao tempo que lembrou que se trata dunha organización con  máis de 20 anos de traxectoria atendendo a persoas con algunha discapacidade e apoiando tamén ás súas familias, a través de distintas liñas de acción.

 

Lado puxo en valor o bo resultado dos programas integrados de emprego aos que a Xunta destinou preto de 84,5 millóns de euros entre 2009 e 2021, o que permitiu a participación de preto de 46.200 persoas de toda Galicia.

 

En palabras de Lado, o compromiso da Xunta polos programas integrados de emprego é “crecente”, de xeito que para a convocatoria de 2022-2023, a piques de resolverse, incrementouse o orzamento nun 2%, un investimento que se manterá na próxima convocatoria 2023-2024.

 

“Isto vai permitir a posta en marcha máis de 40 plans para formar e acrecentar as oportunidades laborais dunhas 4.100 persoas desempregadas”, especificou a directora xeral. O obxectivo é que cun investimento de 10,2 millóns de euros un mínimo do 35 % do total de participantes en cada programa atope un traballo ao remate das accións desenvolvidas.

 

Lado felicitou á organización e aos participantes polo traballo feito durante estes doce meses, un labor que, segundo afirmou, abre novas oportunidades de futuro e benestar para as persoas participantes, procedentes nesta ocasión de Ribeira, Boiro, Noia, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal. “Fixarnos nas capacidades diversas é imprescindible para esa sociedade máis responsable, inclusiva e plural que soñamos”, concluíu.

Imaxes relacionadas