Un 60% dos participantes de Vigo no programa autonómico empregaNAV acadan emprego

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación de resultados deste proxecto da Xunta para apoiar a reinserción laboral das persoas que perderon o seu posto de traballo no sector naval
 

A iniciativa da Xunta, cun orzamento de 2,2 millóns de euros e consensuada no seo do Diálogo Social, permitiu que preto de 330 persoas sen emprego da comarca viguesa participaran en sesións personalizadas de orientación laboral e/ou accións formativas, entre outros programas
 

Preto de 260 persoas recibiron incentivos para motivar e facilitar a súa participacion e a súa incorporación ao mercado de traballo
 

Lorenzana pon en valor o programa ao estar baseado na mellora das capacidades das persoas e na colaboración público-privada, en liña coa Axenda Galega de Capacidades para o Emprego

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022 O programa empregaNAV co que a Xunta apoiou nos últimos dous anos a reinserción laboral de persoas que perderon o seu posto de traballo no sector naval rematou na comarca de Vigo cunha participación de 328 persoas, das que un 60% acadaron emprego nestes dous anos.

 

Así o detallou hoxe a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen participou na presentación de resultados deste proxecto autonómico, que contou cun orzamento de 2,2 millóns de euros para as comarcas de Ferrol e Vigo.

 

Do total de beneficiarios da iniciativa, que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade puxo en marcha da man do Diálogo Social, un total de 318 persoas participaron na comarca de Vigo en sesións personalizadas e individuais de orientación laboral dirixidas á busca de traballo por conta allea e ao autoemprego. Na área viguesa, impartíronse 125 accións formativas para a mellora da empregabilidade centradas en novas tecnoloxías, idiomas, electricidade industrial ou manexo de carretillas, entre outras. 

 

EmpregaNAV tamén permitiu que 258 persoas na comarca de Vigo recibiran incentivos para motivar e facilitar a súa participación e a súa incorporación ao mercado de traballo e que 177 recibiran accións de intermediación laboral.

 

En toda Galicia (Vigo e Ferrol), o proxecto, que obtivo financiamento da UE a través do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (Feag), acadou a participación de 521 persoas desempregadas das que un 76% acadaron unha inserción laboral efectiva.

 

Lorenzana puxo en valor esta iniciativa, xa que, ademais de abordarse no seo do Diálogo Social, baseouse na mellora das capacidades das persoas e na colaboración público-privada, en consonancia coa Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. EmpregaNAV apoiou a reinserción laboral a través da mellora da cualificación das persoas sen emprego dentro do sector naval, adaptándose ás novas necesidades e postos de traballo do sector; e da reciclaxe profesional e formación noutras actividades económicas. Todo iso, a través dun plan integrado de accións que contou con ata seis programas entre os que destacaron as medidas de formación e orientación.

 

“A nosa prioridade son sempre as persoas e, por iso, fomentamos a súa reincorporación ao mercado de traballo, velando sempre pola súa empregabilidade e asegurando empregos de caldiade nos que se garanta o benestar laboral”, apuntou a conselleira.

 

Para rematar, agradeceu a colaboración de CCOO, UXT e Asime no proxecto e destacou que a cooperación é clave para “seguir construíndo un futuro próspero para unha Galicia máis xusta e solidaria con oportunidades para todas e todos”.

Imaxes relacionadas