O convenio entre Xunta e Cluergal permite que 800 persoas melloren as súas capacidades en eficiencia enerxética, xeotérmica e enerxías solar e eólica
A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas dos cursos realizados ao abeiro desta colaboración
Avanza que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade seguirá a apostar en 2023 pola sinatura de convenios cos principais clústeres de Galicia para axustar a oferta á demanda de traballo
O orzamento do departamento autonómico para o vindeiro ano eleva ata os 202,2 millóns (+9,6 %) o investimento para seguir a mellorar a cualificación da poboación activa galega
Lado pon en valor a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego para camiñar cara un crecmento sustentable, de maior innovación e competitividade do tecido produtivo
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022 O convenio de colaboración asinado este ano entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Clúster das Enerxías Renovables (Cluergal) en materia de formación permitiu que preto de 800 persoas melloraran as súas capacidades en eidos tan diversos como a enerxía solar, eólica ou xeotérmica, a eficiencia enerxética de edificios ou o mantemento de vehículos híbridos e eléctricos.
A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe en Santiago de Compostela na clausura destes cursos que contaron con máis de 350.000 euros de financiamento autonómico. A iniciativa enmárcase no obxectivo da Xunta de mellorar a cualificación e recualificación da poboación activa galega en sectores estratéxicos para casar oferta con demanda de traballo.
Lado gabou a colaboración pública e privada neste ámbito para seguir avanzando “neste proceso transformador que debe conducirnos a unha maior competitividade, mediante unha oferta formativa eficaz e axustada ás necesidades do tecido produtivo de Galicia”, apuntou, ao tempo que agradeceu a colaboración de Cluergal para que “Galicia lidere unha transformación tecnolóxica para o emprego que sexa sostible e equilibrada”.
A directora xeral sinalou que os empregos en enerxías renovables seguen sendo resistentes, demostrando ser un sector “fiable e sólido” como motor de creación de emprego, explicando, ao respecto, que o mercado de traballo esixe, cada vez máis, perfís de carácter tecnolóxico ou con coñecementos e experiencia na integración e no uso das novas tecnoloxías que, segundo engadiu, “cotizan á alza no mercado laboral”.
A directora xeral expuxo que esta liña va en consonancia coas recomendacións do Estudo de tecnoloxías emerxentes que elaborou a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade coa colaboración “moi estreita” das entidades representativas do tecido produtivo, co propósito de corrixir o déficit de persoas cualifcadas en competencias dixitais e nas novas tecnoloxías.
En palabras de Lado, as capacidades son “as grandes protagonistas” e o “fío condutor” da estratexia da Xunta en formación para o emprego e destacou que neste contexto naceu a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. “O binomio formación-capacidades debe ser a brúxula que nos leve rumbo a ese futuro de crecemento sustentable, de maior innovación e competitividade do tecido produtivo”, subliñou.
Por iso, indicou que o investimento en formación para o emprego e orientación crece o vindeiro ano nun 9,6% ata alcanzar os 202,2 millóns de euros para seguir mellorando a capacitación da poboación activa, ofrecendo unha formación de calidade e axustada ás necesidades reais do tecido produtivo. Deste global, o Plan galego de formación para o emprego contará con 104 millóns de euros de orzamento no que se incluirá, tal e como avanzou a responsable de Formación para o Emprego e Orientación, as futuras colaboracións cos principais clústeres galegos para seguir apostando pola mellora da cualificación das galegas e galegos.