Emprendemakers posibilita a creación de 11 proxectos empresariais e a formación de preto de 100 persoas en competencias básicas para o emprendemento
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, interveu hoxe por videoconferencia en Santiago de Compostela na clausura do proxecto Emprendemakers impulsado pola Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Ardao sinalou que o programa supuxo un punto de partida no impulso da competitividade e crecemento do tecido emprendedor da Eurorrexión
O proxecto permitiu identificar 26 centros de innovación tecnolóxica e creativa en Galicia e Portugal
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022.-A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe por videoconferencia en Santiago de Compostela no acto de clausura do proxecto transfronteirizo Emprendemakers da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para dinamizar a iniciativa empresarial a ambos lados da fronteira. Na súa intervención, Ardao expuxo os resultados alcanzados en Galicia e sinalou que a iniciativa supuxo un punto de partida no impulso da competitividade e crecemento do tecido emprendedor na eurorrexión.
A actividade, financiada con fondos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (Poctep), está a permitir que once proxectos empresariais reciban asesoramento e mentoring. Son once iniciativas que xurdiron durante a Academia Maker, que puxo en marcha a Xunta a través deste proxecto. Actualmente estanse a culminar diversas accións de aceleración e iniciativas makers e mañá terá lugar, no marco deste plan, unha xornada virtual sobre acceso a financiamento.
Emprendemakers, ademais, posibilitou que preto de 100 persoas participaran nas actividades formativas ligadas á Academia Maker que levou a cabo a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Entre agosto e novembro realizáronse diversas accións de cualificación sobre competencias básicas para o emprendemento que tiveron lugar na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Administración autonómica. Os potenciais emprendedores que tomaron parte nos cursos adquiriron coñecementos sobre ferramentas de xestión e competencias sobre temas específicos de innovación, aumentando, segundo a directora xeral, as súas posibilidades de éxito na súa inserción empresarial como emprendedores.
A Xunta tamén puxo en marcha no marco de Emprendemakers obradoiros formativos en tecnoloxías maker, como instrumentos de xeración de solucións innovadoras e creativas. Segundo explicou Ardao, a iniciativa formativa baseouse nun conxunto integral de actividades formativas cuxo obxectivo foi proporcionar aos makers maiores de 18 anos as ferramentas necesarias para converter a súa idea ou o seu prototipo nunha idea de negocio ou unha mellora innovadora ao servizo das empresas da Eurorrexión.
Emprendemakers seguiu a filosofía maker coa que os emprendedores aprenden a través do que fan, sobre todo en eidos que implican colaboración e tecnoloxía.
Coa iniciativa, que tamén permitiu identificar 26 centros de innovación tecnolóxica e creativa en Galicia e o norte de Portugal para poñer os seus recursos a disposición dos novos makers, buscouse potenciar a transferencia de coñecementos, especializacións e procedementos para dar lugar a sinerxías que favorezan a creación de empresas innovadoras impulsadas pola mocidade.
Tras máis de dous anos de proxecto, o programa Emprendemakers supuxo, en palabras de Ardao, o inicio e impulso da Xunta cara o movemento maker, como unha fórmula máis para emprender, para crear empresas, e, polo tanto, para xerar máis emprego en Galicia.