A Xunta de Galicia colabora nunha nova edición do festival Peirao Rock de Mugardos

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do evento que terá lugar os días 23 e 24 de agosto, con carácter gratuíto

Un total de oito bandas de rock e metal tanto de Galicia como de fóra da Comunidade se subirán este ano ao escenario que se situará no parque da Constitución

Mugardos (A Coruña), 1 de agosto de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, e membros da organización, presentaron esta mañá no Concello unha nova edición do festival Peirao Rock que conta, por segundo ano consecutivo, co apoio de Turismo de Galicia.

A cita musical, de carácter gratuíto, terá lugar dos días 23 e 24 de agosto no parque da Constitución. Nel se reunirán un total de 8 bandas de rock e metal, tanto de Galicia como de fóra da Comunidade, “cun un estilo e unha enerxía únicos” que, como indicou a delegada territorial, “contribuirán a facer deste festival unha experiencia inesquecible para todos os asistentes”.

Os grupos galegos Moura, Balmog, Wisdom e Rottentown serán os encargados de abrir a programación o venres 23 de agosto. Xa o sábado será a quenda de The Night Eternal, Nashgul, Marthyrium e Hour Glass. Ámbolos dous días as actuacións arrincarán ás 21.00 horas.

Aneiros puxo en valor durante a súa intervención “o esforzo de vilas como Mugardos por propoñer iniciativas novidosas, únicas, singulares e con personalidade propia para así promover o turismo urbano e de festivais” e destacou a oportunidade que supón o Peirao Rock “non só para gozar da boa música, senón tamén como espazo de encontro para todos aqueles que comparten una paixón por estes xéneros musicais”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2024