Máis de 600 deportistas fixeron uso das instalacións da Agasp no que vai de ano
O uso do recinto por parte de integrantes de distintas federacións deportivas enmarcase no protocolo que permite poñer a disposición destas entidades espazos como a residencia, o pavillón deportivo, aulas, o salón de actos ou a galería de tiro
A Academia diversifica con iniciativas deste tipo a súa actividade centrada na formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias
Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2024
Máis de 600 deportistas das federacións de baloncesto, balonmán, voleibol, baile, karate, tiro con arco e baile deportivo aloxáronse no que vai de ano nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública, ao igual que fixeron integrantes un total de 15 federacións deportivas desde que en 2018 se activou o protocolo para poñer a disposición destas entidades os espazos da Agasp sempre que estean dispoñibles. Deste xeito, durante concentracións deportivas ou para outros eventos poden facer uso de espazos do recinto como a residencia, o pavillón deportivo, as aulas, o salón de actos ou a galería de tiro.
No marco deste acordo, ao ter permitido facer uso da residencia e da nova pista cuberta, os equipos e profesionais federados poden realizar as súas concentracións sen saír do recinto da Academia para adestrar.
A AGASP é referente estatal na formación das forzas e corpos de seguridade e dos efectivos dos servizos de emerxencias que se preparan no recinto e as súas instalacións cumpren con todas as condicións necesarias para prestar un servizo de calidade a estes profesionais e tamén aos deportistas galegos cando así o requiran e sexa posible.
A Academia conta cun recinto pechado de máis de 180.000 metros cadrados de superficie no que se sitúa a edificación principal, de 12.000 metros cadrados. Dispón dunha residencia, diferentes tipos de aulas, laboratorios, salas de estudo, conferencias e de xuntas, un salón de actos, unha biblioteca, áreas de esparexemento, cafetería e restaurante. Canto ás instalacións deportivas, xunto co novo pavillón a Academia dispón tamén do ximnasio, a piscina ou o campo de tiro. Deste xeito, as instalacións permiten diversificar a actividade da AGASP e consolidarse como centro de referencia.
Nesta mesma liña, ademais dos deportistas das distintas federacións o persoal da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que tamén ten sede na Estrada, pode empregar as instalacións da AGASP de forma continuada. Por iso, este ano se lles cedeu unha aula e adaptouse un espazo para que poidan empregalo como almacén.