Unha vintena de nenas e nenos participan nun curso de iniciación ao ‘grappling’ que a Xunta financia con cargo ao Plan Corresponsables
A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, acompañou esta mañá aos participantes, durante unha das sesións que se imparten no local da asociación deportiva Sport Fight
O Plan Corresponsables, que conta este ano cun orzamento de 1,7 M€, promove a conciliación ao habilitar servizos de coidado profesional ao tempo que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova
Ferrol, 27 de agosto de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá aos participantes no curso de iniciación ao grappling que está a desenvolver a asociación deportiva Sport Fight no marco do Plan Corresponsables no ámbito do deporte promovido polas consellerías de Política Social e Igualdade e Presidencia, Xustiza e Deportes.
A iniciativa, na que toman parte unha vintena de nenos e nenas de ata os 16 anos, consiste en poñer en práctica nocións básicas desta modalidade de loita centrada en controlar ao opoñente sen necesidade de golpear, senón a través da súa submisión e sen causar lesións. Durante a visita, na que estivo acompañada do presidente da entidade, Manuel Permuy, a delegada territorial comprobou algúns dos coñecementos adquiridos polos participantes así como o grao de satisfacción con esta actividade que o club desenvolve tres días á semana ata o mes de novembro.
“Este é o terceiro ano consecutivo que a Xunta por en marcha o Plan Corresponsables como unha alternativa máis para favorecer a conciliación no ámbito familiar, ofrecendo servizos de coidado profesional con actividades de animación sociodeportivas, á vez que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova, achegando distintas modalidades e favorecendo a convivencia e o xogo”, explicou a delegada territorial. No caso desta actividade de iniciación ao grappling, “ofrecendo aos rapaces coñecementos que non só lles poidan servir no ámbito da competición, senón tamén a nivel persoal como defensa”, indicou.
O Plan Corresponsables financia servizos de coidado profesional con actividades de animación socio-deportivas para nenas e nenos de ata 16 anos. A Federación Galega de Loita, dentro da que está adscrito o club Sport Fight, foi unha das entidades beneficiarias das axudas deste plan que, segundo salientou a delegada territorial, viu ampliado recentemente o seu orzamento ata acadar o 1,7 M€. A achega autonómica que lle foi concedida ascendeu a 75.000 euros.