Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 8.00 h. de hoxe

Desactivada a Situación 2 no incendio do concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Filgueira, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 300 hectáreas e do que se atoparon probas que apuntan á intencionalidade deste lume

Estabilizado o lume do municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, que afecta unhas 200 hectáreas dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Extinguido un incendio no concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afectou 5,26 hectáreas de superficie dentro deste parque natural

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2024

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 8.00 horas de hoxe venres.

Crecente-Filgueira

O lume do concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Filgueira, continúa activo arestora e a Situación 2, establecida como medida preventiva pola proximidade do lume a núcleos de poboación, xa foi desactivada. Cómpre destacar que durante os traballos de investigación in situ da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente da Xunta, atopáronse probas que apuntan á intencionalidade deste lume.

Segundo as últimas estimacións, o incendio, que se iniciou ás 22.32 horas do mércores, día 4, afecta unha superficie de arredor de 300 hectáreas e conta cunha evolución positiva. Para a súa estabilización mobilizáronse ata o de agora 5 técnicos, 36 axentes, 65 brigadas, 47 motobombas, 6 pas, 9 helicópteros e 5 avións. Ademais, xa se retiraron os efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), logo de que a Xunta solicitara onte pola mañá a súa incorporación aos labores de extinción.

Entrimo-Venceáns

O lume rexistrado no municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, está estabilizado dende as 23.36 horas de onte. Este incendio iniciouse o martes en Portugal e entrou en territorio galego arredor das 17.00 horas do mércores, día 4. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas, dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Nos labores de extinción deste incendio lévanse mobilizado, polo de agora, 6 técnicos,  30 axentes, 56 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 10 helicópteros e 11 avións.

Muíños-Requías

Arestora está extinguido dende as 6.42 horas un lume rexistrado no concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afectou 5,26 hectáreas dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. O incendio iniciouse ás 0.34 horas desta madrugada e para a súa extinción mobilizáronse, en total, 1 pa, 7 axentes, 10 brigadas e 10 motobombas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 06/09/2024