A Xunta pon en valor a nova tenda ‘Arroupa’ de Cáritas en Carballo como unha aposta polo emprego inclusivo e pola economía circular
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiu hoxe á inauguración do establecemento, destacando que esta empresa de inserción recibe apoio do Goberno galego para garantir a súa actividade
En concreto, para incentivar a contratación de persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social e para axudar na xestión e dirección da entidade e financiar o seu persoal técnico de orientación
Carballo (A Coruña), 18 de setembro de 2024
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiu hoxe á inauguración da tenda Arroupa de Carballo, impulsada por Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. Alí, puxo en valor o novo establecemento como unha aposta polo emprego inclusivo, pola economía circular e por un consumo responsable, destacando que esta empresa de inserción recibe apoio do Goberno galego para garantir a súa actividade.
En concreto, as achegas céntranse en incentivar a contratación de persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, financiando o custo salarial cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora en proceso de inserción contratada a xornada completa. Tamén en favorecer o funcionamento de Arroupa, axudando na xestión e dirección da entidade e financiando o persoal técnico de orientación.
A directora xeral destacou que os valores que promove esta empresa de inserción que abre nova tenda en Carballo son os mesmos que impulsa a 2ª Estratexia galega da economía social Horizonte 2027 que está en marcha e coa que a Xunta persegue posicionar esta fórmula empresarial nos sectores verde, sustentable, industrial, tecnolóxico e dixital, ao tempo que contén medidas para xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades.