A Xunta habilita este luns unha liña de transporte que dará servizo ao alumnado do centro integrado de FP de cantería de Galicia
Incorpora unha parada no centro educativo, cun tempo estimado de viaxe de 13 minutos
Actívanse dous servizos diarios de luns a venres, de ida e volta, durante o período lectivo
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024
A Xunta activa este luns, 23 de setembro, unha nova liña de autobús que poderá empregar o alumnado do Centro Integrado de FP de Cantería de Galicia, en Poio, para realizar os seus desprazamentos cara ao centro educativo.
A nova liña, denominada Escola de Cantería-Pontevedra E.A., incluirá cinco paradas, localizándose unha delas nas inmediacións da Escola de Cantería. A duración estimada da viaxe será de 13 minutos.
O itinerario contará con puntos de paso no centro de FP de Cantería, Ponte da Barca, Pontevedra-Avda. Corbaceiras, Residencia de Maiores Campolongo e Pontevedra E.A.
Os servizos estarán operativos de luns a venres en tempada lectiva, con dúas frecuencias diarias. O servizo de ida cara ao centro sairá da Estación de Autobuses de Pontevedra ás 08,05 horas, chegando ao Centro Integrado de FP de Cantería de Galicia ás 08,18 horas. O servizo de regreso partirá do centro educativo ás 15,00 horas, con chegada prevista á Estación de Autobuses de Pontevedra ás 15,13 horas.
Con esta decisión, a Xunta reafirma o seu compromiso coa mellora da rede de transporte público regular de persoas viaxeiras por estrada e cos desprazamentos do alumnado na comunidade. Ademais de optimizar a oferta de servizos, esta iniciativa amplía as opcións de transporte dispoñibles para todos os usuarios e usuarias.
A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.