O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, respondeu no pleno do Parlamento a unha pregunta relacionada co Bono remuda
A Xunta incide no compromiso coa remuda xeracional para garantir a continuidade dos comercios e negocios que xeran riqueza e emprego
José González puxo en valor esta iniciativa pioneira, dotada con 1,5 millóns de euros e cuxo prazo permanece aberto ata o 30 de outubro, aínda con crédito dispoñible
O obxectivo é evitar o peche de negocios ao tempo que se facilita que as persoas interesadas en emprender poidan recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente
Os negocios obxecto da convocatoria deben estar inscritos na Bolsa de remuda de Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, composta actualmente por 112 comercios
Esta medida é unha da moitas activadas este 2024 polo Goberno galego co obxectivo de apoiar ás persoas autónomas e emprendedoras e súmase a outras nas que está a traballar como o a elaboración do Plan estratéxico do comercio
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, manifestou o firme compromiso da Xunta co impulso á remuda xeracional dos comercios e negocios para garantir a súa presenza no tecido produtivo da Comunidade. Así o sinalou hoxe no pleno do Parlamento, no marco da resposta a unha pregunta sobre o Bono Remuda, onde tamén destacou que esta medida é unha da moitas activadas este 2024 polo Goberno galego co obxectivo de apoiar ás persoas autónomas e emprendedoras.
Durante a súa intervención, José González puxo en valor esta iniciativa pioneira, dotada con 1,5 millóns de euros e enmarcada nas accións do Plan de remuda que está a funcionar ao abeiro da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Así, o obxectivo é evitar o peche de negocios por falta de continuidade, ao tempo que se facilita que as persoas interesadas en emprender poidan recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente.
Neste senso, o conselleiro detallou que, tras atender as solicitudes recibidas ata o momento, aínda queda crédito dispoñible, con prazo aberto ata o vindeiro 30 de outubro. Os negocios obxecto da convocatoria deben estar inscritos na Bolsa de remuda de Rede -composta actualmente por un total de 112- aínda que tamén a poden solicitar negocios que foran obxecto de remuda antes da publicación da orde, sempre que conten cun mínimo de antigüidade de cinco anos e que non teñan transcorrido máis de 12 meses entre a publicación da orde e a baixa da persoa titular.
Impulso ao comercio local
José González tamén puxo en valor a aposta do Goberno galego para revitalizar e manter o comercio polo miúdo nas vilas galegas como un elemento fundamental. Destacou os encontros que a Xunta está a celebrar cos principais representantes do sector nas catro provincias galegas, como os que tiveron lugar hoxe en Lugo no marco do proceso participativo para a elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
Entre as medidas nas que está a traballar o Executivo galego, figura o impulso das prazas de abastos -fomentando a súa certificación como Mercados Excelentes-. Tamén contemplará liñas para potenciar os centros comerciais abertos -para consolidalos como máximos referentes dun servizo de proximidade e de calidade e simplificar as súas axudas-e a Fundación Artesanía de Galicia, para seguir apoiando o labor dos nosos artesáns e artesás.
Nesta liña, José González fixo fincapé no diálogo para atender as necesidades reais do sector, coa vontade de avanzar entre todos e desde a colaboración público-privada para reforzar e facer máis competitivo o comercio local das vilas e cidades.