Os atrasos do Goberno central no aboamento das entregas a conta costáronlle aos galegos e as galegas 10,3 M€ en intereses
As liñas de crédito que tivo que utilizar a Tesourería da Comunidade para facer fronte a estas demoras xa foron devoltas e non hai previsión de que teñan que volver a empregarse no que resta de ano
Os pagamentos da Xunta no primeiro semestre deste ano inxectan preto de 7.000M€ de liquidez na economía galega
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2024
Os atrasos do Goberno central no pagamento das entregas a conta á Xunta costáronlle aos galegos e galegas 10,3 M€ en intereses. A falta de liquidez producida por este retraso obrigou ao Goberno galego a subscribir pólizas de crédito, co conseguinte custe financeiro en incremento de débeda.
As liñas de crédito que tivo que utilizar a Tesourería da Comunidade xa foron devoltas e non hai previsión de que teñan que volver a empregarse no que resta de ano. O Estado ingresou en setembro o importe mensual actualizado das entregas a conta, pero aínda se demorou ata hai uns días no aboamento dos atrasos.
No primeiro semestre deste ano inxectáronse 6.976 millóns de euros de liquidez na economía de Galicia, unha cantidade que representa o 9% do PIB autonómico. Así se desprende do informe de pagamentos da Administración autonómica elaborado pola Consellería de Facenda e Administración Pública.
Segundo o documento, neste primeiro tramo do ano destináronse máis de 4.000 millóns de euros a atender gastos como as nóminas do persoal da Xunta –o 80% destínanse ao pagamento do persoal da Consellería de Educación e do Servizo Galego de Saúde-; as universidades; o pagamento dos gastos de farmacia e, a maiores, 219 millóns para as corporacións locais, entre outros.
O informe destaca tamén que o Executivo galego segue a ser unha das administracións que está a pagar con maior axilidade aos seus provedores e, neste momento, está atendendo os seus compromisos nunha media por debaixo do límite de 30 días que establece a normativa estatal.
Así, Galicia pechou o primeiro semestre de 2024 pagando 13 días máis rápido que a Administración do Estado e 16 días que a media das comunidades. Unhas cifras que poñen de manifesto que a Xunta segue dándolle prioridade aos pequenos provedores, aos empresarios autónomos, ás pequenas e medianas empresas e ás entidades sociais co fin de achegar liquidez a estes colectivos.