Martina Aneiros destaca a consolidación do modelo de envellecemento que a Xunta promove a través das casas do maior
A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá aos usuarios de Casa Branca e Beldade, en Moeche, con motivo do Día das Persoas Maiores
As casas do maior son unha medida pioneira que o Executivo galego comezou a implantar no ano 2018 e que promove unha atención personalizada a un máximo de cinco persoas por casa durante oito horas en horario diúrno
Moeche (A Coruña), 1 de outubro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, visitou esta mañá aos usuarios das casas do maior Casa Branca e Beldade, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Persoas Maiores.
Durante a visita, a delegada territorial compartiu actividades cos usuarios e usuarias de ambos centros e se interesou polo grao de satisfacción que teñen con este servizo no que se presta unha atención personalizada a un máximo de cinco persoas por casa, ata oito horas diarias de luns a venres. Como lembrou a delegada, esta atención ofrécese con flexibilidade horaria e favorecendo a permanencia das persoas en situación de dependencia no seu entorno.
Aneiros aproveitou a ocasión para lembrar a importancia destes servizos “á hora de garantir uns coidados de calidade aos maiores que residen no rural” e destacou a aposta da Xunta por “un modelo de envellecemento xa consolidade que permite que os nosos maiores teñan acceso a coidados gratuítos preto das súas casas”.
Actualmente nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal operan un total de 7 casas do maior: Monfero (1), Valdoviño (1), As Somozas (1), Moeche (2) e Cariño (2).
As casas do maior é unha medida pioneira que o Executivo autonómico comezou a implantar no ano 2018 e na que desde entón leva investidos 22,4 millóns de euros. Os promotores destes recursos reciben subvencións para as obras de acondicionamento dos inmobles nos que prestarán o servizo, para o mantemento da actividade e para o desprazamento dos usuarios. Como novidade, a orde de axudas deste ano establece unha achega complementaria de 150 euros semanais nos casos de baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada da casa do maior.
Este ano a Xunta destina 1,3 millóns de euros a esta convocatoria que permitirá a posta en funcionamento de 100 novas prazas, totalmente gratuítas para persoas maiores de 60 anos que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con servizos de atención diúrna. Deste xeito, Galicia rematará o ano con 143 casas do maior.