O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou en Santiago de Compostela a primeira edición desta iniciativa que pon hoxe fin aos seus 20 días de duración
A Xunta pon de relevo o evento efémero de interiorismo ‘Creafogar’ para difundir o potencial da artesanía galega en todo tipo de proxectos
José González destacou a aposta pola suma de sinerxías entre as empresas participantes, vinculadas a produtos e servizos do fogar e ao sector da construción e entre as que tiveron un papel destacado 55 obradoiros de Artesanía de Galicia
Valorou este proxecto de interiorismo puramente galego, que acolleu presentacións tanto de técnicos de emprego da Consellería sobre as posibilidades para casar oferta e demanda no sector como de persoas artesás para difundir os seus distintos oficios
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe en Santiago o proxecto efémero de interiorismo Creafogar, que clausura hoxe os 20 días que estivo aberta ao público a súa primeira edición. Alí, puxo en valor a aposta pola suma de sinerxías entre as empresas participantes, vinculadas a produtos e servizos do fogar e ao sector da construción e entre as que tivo un papel destacado a nosa artesanía.
Así, o conselleiro referiuse a Creafogar como un proxecto de interiorismo puramente galego, moderno e innovador, que contou con 55 profesionais inscritos en Artesanía de Galicia. Especializados en oficios como a cestería, a olería, a decoración de teas, a ebanistería, a escultura, a iluminación, a restauración ou os arranxos florais, aportaron -segundo destacou- o seu gran de area para a personalización de ambientes e a creación de espazos singulares e exclusivos, a través de pezas tanto tradicionais como de deseño contemporáneo. Facendo fincapé na riqueza e heteroxeneidade do sector artesán galego, que pode ofrecer propostas -dixo- para calquera tipo de público, González lembrou que catro deles participaron no evento con actividades sobre o tapizado de mobles, o traballo co coiro, a natureza no fogar e a cerámica.
Estas persoas artesás sumáronse á participación de técnicos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que acudiron a Creafogar para afondar no Servizo Público de Emprego de Galicia, nas liñas de acción dirixidas a persoas traballadoras e desempregadas e nos servizos de asesoramento para o autoemprego e o emprendemento. Non só co gallo de contribuír a casar oferta e demanda laboral nos eidos profesionais que implica este gran proxecto de interiorismo, senón tamén para adaptar a formación para o emprego ás necesidades reais do tecido produtivo.
Compromiso coa artesanía
O titular de Emprego referiuse á estratexia integral da Xunta a prol da artesanía que avoga pola innovación e pola adaptación a novas tendencias, con iniciativas como o programa pioneiro para garantir a remuda xeracional Aprender da tradición. Oficios e técnicas, que deu comezo xa a dous de seis novos cursos para seguir apostando por novas caras á fronte da nosa artesanía.
Tamén destacou o programa pioneiro Novos presentes e futuros, que vén de consolidar o seu atractivo a nivel internacional xa confirmado na primeira edición de 2023 pola súa aposta a prol da innovación no sector artesanal galego tomando como base os oficios tradicionais, os recursos locais, os novos materiais e a contorna rural.
En todo caso, sinalou que as accións son moitas e variadas para potenciar o sector artesanal galego: desde axudas á comercialización ou á celebración de feiras, pasando polos Premios de Artesanía de Galicia para recoñecer a mestría, a traxectoria e o talento no sector artesanal galego ou ao Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que se está a elaborar, cos artesáns e artesáns como uns dos principais interlocutores e co obxectivo de telo listo no primeiro trimestre do ano que vén.