O presidente asiste á graduación da 16ª promoción da Policía Local na Estrada

Rueda destaca o labor da Policía Local para garantir a protección e seguridade da cidadanía en toda Galicia

Salienta “a responsabilidade” dos que elixen unha profesión “vocacional” e que obriga a unha formación “esixente”

Destaca a Academia Galega de Seguridade Pública coma un dos mellores “centros de formación de policía local de España”

Lembra que a Xunta colabora con 95 concellos á hora de convocar procesos selectivos para ampliar o persoal das policías locais, o que permite “homoxeneizar a elección e dar máis seguridade” aos candidatos

A Estrada (Pontevedra), 9 de outubro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que os corpos e forzas de seguridade son un piar fundamental da sociedade e agradeceu o labor da Policía Local á hora de garantir a protección e seguridade da cidadanía en toda a comunidade. 

“A calidade de vida dunha terra como Galicia mídese con moitos factores, pero un dos principais é o voso traballo”, indicou durante o acto de graduación da 16ª Promoción da Policía Local na Estrada, onde asegurou que se “Galicia é unha terra segura” e, en gran parte, polo labor diario de milleiros de profesionais.

O presidente salientou “a responsabilidade” dun oficio “duro e vocacional” que sempre está preto da veciñanza e destacou a “esixente” formación que reciben todos os alumnos na Academia Galega de Seguridade Pública, “o mellor centro de formación de policías locais de toda España”.

Ademais Rueda, acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lembrou o compromiso do Executivo autonómico de dotar aos policías locais dos mellores recursos para exercer a súa profesión e que colabora con 95 concellos á hora de convocar os procesos selectivos para ampliar o número de membros da Policía Local nos seus municipios. Unificar os procesos, asegurou, “fai que sexan máis obxectivos e da máis seguridade aos candidatos”.

Por último, o presidente desexou éxito na carreira profesional aos 118 axentes e mandos da Policía Local que hoxe recibiron o título que acredita a súa formación. Trátase de 97 novos axentes, 20 mandos que ascenden a oficiais e inspectores e un vixiante municipal. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2024