A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá os apartamentos turísticos Noaru beneficiarios desta orde
Martina Aneiros anima ás empresas turísticas de Ferrolterra a solicitar as axudas de eficiencia enerxética antes do 14 de novembro
Lembra que medidas como esta, orientadas á modernización e mellora da competitividade do sector, están incluídas na Estratexia de Turismo de Galicia 2030 presentada hai unhas semanas
A convocatoria está dotada dun investimento de 10 M€ e como novidade ábrese a establecementos de restauración e permite sufragar a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte
Ares (A Coruña), 11 de outubro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, lembrou que ata o 14 de novembro está aberto o prazo para solicitar as axudas para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade no sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado con fondos Next Generation.
Aneiros visitou esta mañá os apartamentos Noaru, en Ares, beneficiarios dun axuda da convocatoria do ano pasado que deixou un total 214.360 euros en achegas na zona. No caso deste negocio turístico, a subvención concedida, que ascendeu a preto de 19.000 euros, destinouse ás obras de illamento da fachada, á substitución das ventás, así como á instalación dunha bomba de aerotermia e sistema de climatización.
A delegada territorial animou aos negocios da comarca a solicitar estas axudas coas que o Goberno galego pretende apoiar a un sector en auxe que representa na comunicade máis do 10% do PIB e xera un 130.000 postos de traballo. “Seguir aproveitando o potencial turístico de Galicia dunha forma sostible é un dos obxectivos incluídos na Estratexia de Turismo de Galicia 2030 que o Presidente da Xunta presentaba hai unhas semanas en Ferrol e que contempla medidas directas coma esta orientadas á modernización e mellora da competitividade do sector”, lembrou.
A orde de axudas para a mellora da eficiencia enerxética en empresas turísticas está dotada dun investimento de 10 M€. Como novidade deste ano, a convocatoria ábrese aos establecementos de restauración, non só de aloxamento como ata o momento; sufrágase a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte; non se pide antigüidade mínima nos edificios a rehabilitar e non hai unha esixencia mínima de aforro enerxético, entre outras.
Como norma xeral, a intensidade da axuda será de ata un 70% do coste total subvencionable do proxecto; aínda que poderá chegar ao 80 ou 90% no caso no que se acrediten aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30%.
Entre as actuacións subvencionables inclúese a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, das instalacións térmicas, a colocación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, a renovación da iluminación e dos electrodomésticos e a instalacións de sistemas de automatización e control da enerxía. Os investimentos deberán estar executados antes de abril de 2025.