A Xunta participa en Lugo na entrega de premios da campaña ‘Merca no teu comercio’

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu ao sorteo especial de 1.000€ correspondente á primeira edición desta iniciativa enmarcada na colaboración do Goberno galego coa Federación Galega de Comercio

Xa está en marcha a segunda quenda da campaña, deica o 30 de outubro, na que se repartirán un total de 11.000 euros en bonos de 200 euros para canxear nos establecementos adheridos, máis un premio final doutros 1.000 euros

Lugo, 14 de outubro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na entrega de premios da primeira edición da campaña Merca no teu comercio en Lugo, posta en marcha pola Xunta e a Federación Galega de Comercio para estimular a demanda e poñer en valor o comercio de proximidade.

Tras o sorteo realizado o pasado día 2 de outubro de 50 bonos QR de 200 euros cada entre todos os tickets correspondentes a compras realizadas  no devandito periodo nos comercios adheridos da provincia da Lugo, no acto de hoxe -no que tamén estivo presente o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas- sorteouse de xeito presencial un premio especial de 1.000 euros entre todos os premiados. Este galardón deberá ser gastado pola persoa agraciada nunha única xornada de compras dentro da semana seguinte ao sorteo, tal e como establecen as condicións de participación.

Actualmente xa está en marcha na provincia a segunda edición desta campaña, iniciada o pasado xoves 10 e deica o 30, cun sorteo previsto para o 31 de outubro entre todos os tickets participantes doutros 50 bonos de 200 €, e cuxa gala final se celebrará o vindeiro 11 de novembro ás 19,00 h. no Cárcere Vello.

A iniciativa Merca no teu comercio, que tamén se está desenvolvendo no resto de provincias galegas, enmárcase no convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación, dixitalización e dinamización do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2024