A Delegación da Xunta en Pontevedra retoma as comisións de coordinación itinerantes cunha primeira parada en Poio
O delegado territorial salienta, tras presidir o encontro de traballo cos xefes territoriais, que a iniciativa vai ter continuidade polas demais bisbarras e se enmarca na política de “máxima proximidade” cos concellos e os cidadáns
A comisión aproveitou para repasar algúns dos principais investimentos autonómicos dos que se beneficiaron os veciños e veciñas de Poio
Poio (Pontevedra), 17 de outubro de 2024
A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra retomou esta mañá as Comisións Territoriais de Coordinación itinerantes no Pazo de Besada, no concello de Poio. Estas reunións que ata agora se realizaban de forma periódica no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra, volverán a percorrer os distintos concellos da área territorial de Pontevedra co fin de achegar aínda máis o labor do executivo autonómico a todo o territorio e aos cidadáns.
O delegado territorial, Agustín Reguera, presidiu este encontro de traballo, de periodicidade mensual que contou coa participación dos directores territoriais das distintas consellerías.
“Queremos seguir afondando na política de proximidade cos concellos e cos seus veciños e para iso non hai nada mellor que achegarnos fisicamente aos 47 concellos que forman esta área territorial”, explicou o delegado, tras ser recibido polo alcalde de Poio, Ángel Moldes.
Na Comisión Territorial, ademais de tratar os temas de actualidade de todos os concellos da área, tamén se aproveitou para facer un repaso dos investimentos recentes ou en marcha e das distintas achegas e programas do executivo autonómico no concello de Poio.
Así, a falta de contar cos datos reais do presente 2024, xa que moitas das partidas se formalizan habitualmente a no último trimestre do ano, o delegado destacou os máis de 8,7 millóns de euros que a Xunta investiu en axudas e proxectos no concello de Poio durante o pasado 2023.
Neste sentido, destacan os investimentos e axudas que a consellería do Mar destinou á Lonxa e cofradías do concello e que suman máis de 2,7 millóns de euros. Tamén o investimento en infraestruturas, en especial os 1.3 millóns de euros que corresponden ao concello dos máis de 13 millóns destinados á renovación das estradas VG-4.1, VG4.7; AG-4.1; PO-531 e PO-316.
Salientable tamén os máis de 2,2 millóns que a consellería de Política Social investiu neste concello a través de varias partidas destinadas a mellorar a a calidade de vida e oportunidades de centos de veciños e veciñas.