A Xunta recibe seis ofertas para executar as obras de humanización de varias prazas do concello de Coristanco

A actuación, licitada por preto de 300.000 euros, permitirá acondicionar as prazas de San Antonio e do Cruceiro, na parroquia de San Lourenzo da Agualada, e a rúa e a praza de San Roque, na parroquia de Santa María de Traba

As intervencións enmárcanse no convenio asinado entre a Xunta e Concello, polo que a Administración autonómica asume o 70% do orzamento e o Concello achega o 30% restante

As obras impúlsanse ao abeiro do Plan Hurbe, a través do que a Xunta axuda ás entidades locais a financiar a mellora de equipamentos das contornas urbanas e á recuperación do espazo público

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu seis ofertas para executar as obras de humanización de varias prazas de Coristanco, licitadas por preto de 300.000€

As actuación previstas neste contrato permitirán humanizar as prazas de San Antonio e do Cruceiro, no lugar de Agualada, e a rúa e praza de San Roque, na parroquia de Santa María de Traba, nas que se levarán a cabo diversas intervencións para unificar os distintos espazos e mellorar a accesibilidade, ademais de substituír elementos danados.

Estas actuacións fináncianse a través do convenio asinado entre a Xunta e o Concello ao abeiro do Plan Hurbe, impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar intervencións de mellora de equipamentos das contornas urbanas e recuperación do espazo público.

A través deste convenio, o Goberno galego cofinancia nun 70% as intervencións, contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Coristanco achegará o 30% restante.

En concreto, as obras obxecto deste contrato na praza de San Antonio céntranse en unificar a praza e, para iso, eliminarase o paso existente que divide a zona da fonte coa Igrexa e utilizarase o mesmo pavimento de pedra existente no resto da praza, para darlle un acabado uniforme a todo o conxunto. Substituiranse así mesmo as baldosas danadas e recolocaranse as árbores existentes no lado da fonte, para ofrecer un mellor acceso á praza. 

No que atinxe á praza do Cruceiro, con este contrato construirase unha plataforma única para integrar o colexio coa zona de xogos infantís, creando unha zona preferentemente peonil e facilitando a accesibilidade da zona, coa desaparición das estreitas beirarrúas e a creación dun espazo máis amplo. O acceso rodado será nunha única dirección.

Así mesmo, nas obras prevese a plantación de árbores, a colocación de farois ao longo da devandita plataforma e a creación dunha zona de aparcamento. Tamén se colocará un valado sobre o muro da zona de xogos e a obra completarase coa retirada e soterramento do cableado e a recollida das augas pluviais ao final da rúa.

Por outra banda, na rúa e na praza de San Roque, a intervención proposta persegue dar un mellor acceso á praza desde o centro do pobo, para o que se ampliarán as beirarrúas no inicio da rúa de actuación. Prevese que o sentido de circulación de vehículos na praza sexa único.

Ademais, dotarase de iluminación á zona, unificaranse os paseos e recolocaranse bancos, farois e papeleiras existentes. Tamén se regularizará o acceso á área de xogos e delimitaranse a zona de aparcamentos ao redor da praza e un carril bici no lado oposto aos aparcamentos. Todas as actuacións perseguen, tamén, adaptar as condicións dimensionais, os acabados e os servizos urbanos ás ordenanzas municipais do Concello.

Data de actualización: 23/10/2024