A Xunta adxudica a nova concesión de transporte regular para A Coruña, Lugo e A Mariña a Autos Carballo cun importe de 4 M€
Incorpora os primeiros servizos directos que conectarán as cidades da Coruña e Lugo con cinco autobuses máis e novas expedicións ao longo da semana
O contrato prolongarase ata 2030 e incrementará o número de autobuses para darlle cobertura ao medio cento de concellos que abarca
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2024
A Plataforma Contratos Públicos de Galicia publica a resolución da adxudicación do contrato do servizo público de transporte regular de viaxeiros por estrada XG635 -A Coruña-Lugo-A Mariña, cos anexos-, que recaeu na empresa Autos Carballo cun importe de 4 millóns de euros. A concesión incorpora os primeiros servizos da Rede de transporte expreso impulsada pola Xunta para reforzar as conexións directas entre as principais cidades de Galicia.
Os novos servizos comezarán a funcionar a inicios do vindeiro ano, mantendo os servizos actuais e reforzando a conexión directa entre A Coruña e Lugo cun incremento de tres autobuses de máis de 55 prazas. De luns a venres haberá, a maiores dos que xa funcionan, oito novos servizos de ida e outros tantos de volta, asegurando así un servizo cada hora por sentido entre as 6,30 e as 21,15 horas. Os sábados súmanse dous servizos de ida e dous de volta, e os domingos e festivos prestarase un servizo máis en cada sentido.
A implantación do servizo directo supón un aumento porcentual do 25% e sumará 4.320 expedicións anuais, coa previsión de chegar a preto de 460.000 viaxeiros ao ano en 2025.
A maiores destas cidades, este servizo de explotación, cuxa vixencia se prevé estender ata 2030, inclúe os concellos coruñeses de Aranga, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Bergondo, Betanzos, Cedeira, Cerdido, Coirós, Ferrol, Mañón, Moeche, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, Sada e San Sadurniño, así como os lugueses da Pastoriza, A Pontenova, Abadín, Barreiros, Begonte, Burela, Castro de Rei, Cervo, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Muras, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Pol Rábade, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove. Dado o seu tránsito polo límite autonómico entre Galicia e Asturias, inclúense tamén paradas en San Tirso de Abres e Vegadeo.
Segundo os datos rexistrados en 2023, a demanda real neste case medio cento de concellos aproxímase aos 371.500 viaxeiros ao ano, polo que a nova concesión impulsará os servizos con cinco vehículos máis, alcanzando os 22 autobuses, e a contratación doutros tantos condutores, ademais dos previstos para reforzar as conexións entre A Coruña e Lugo.
A concesión que se prevé licitar enmárcase no Plan de Transporte Público de Galicia, co que a Xunta avanza na consecución dun modelo de mobilidade optimizado, moderno, intelixente e responsable coa poboación galega e co medio natural. A importancia estratéxica do transporte público fai precisa unha actualización constante que atenda as demandas reais e se adapte ás características territoriais, conxugando as necesidades rurais e urbanas de xeito que cada galego e galega, alí onde residan, dispoñan dun medio de transporte público accesible.