A Xunta activa o próximo luns unha liña de transporte interurbano entre o IES Maximino Romero de Lema de Zas e os concellos de Laxe, Cabana de Bergantiños e Ponteceso

A nova ruta, ademais de mellorar a oferta vixente, facilitará o traslado de estudantes do IES Maximino Romero de Lema de Zas que residen neste municipio e nos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe e Zas

Trátase de 4 servizos de transporte, dous de ida e outros dous de volta, compatibles cos horarios lectivos do centro educativo

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2024

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, activará dende o vindeiro luns, 4 de novembro, unha liña de transporte interurbano entre o IES Maximino Romero de Lema, no concello de Zas e os municipios de Laxe, Cabana de Bergantiños e Ponteceso.

Esta nova ruta, denominada IES Maximino Romero de Lema-Ponteceso, conectará Ponteceso con Zas, pasando polos municipios de Cabana de Bergantiños e Laxe, nun percorrido de 40 minutos de duración que facilitará os desprazamentos académicos dos estudantes do centro escolar.

Trátase dunha liña de 22 paradas, das cales a metade creáronse especificamente para este servizo. As persoas usuarias terán a súa disposición catro servizos operativos en tempada lectiva da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Formación Profesional (FP) e Bacharelato.

Con destino ao IES Maximino Romero de Lema, disporase dunha expedición funcional de luns a venres con saída ás 07,40 horas de Ponteceso e outra os luns con saída ás 15,30 horas de Ponteceso. Do mesmo xeito, con destino a Ponteceso, as persoas usuarias dispoñen dunha opción operativa de martes a venres con saída ás 14,30 horas do IES Maximino Romero de Lema e doutra funcional os luns con saída ás 18,10 horas do centro educativo. A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Con esta decisión, a Xunta reafirma o seu compromiso coa mellora da rede de transporte público regular de persoas viaxeiras por estrada e cos desprazamentos do alumnado na comunidade. Ademais de optimizar a oferta de servizos vixente, esta iniciativa amplía as opcións de transporte dispoñibles para todos os usuarios e usuarias.

Por outra parte, cómpre lembrar que xa o pasado setembro, a Xunta reorganizou cinco liñas de autobús integradas do IES Eduardo Pondal de Ponteceso para ampliar o servizo ata os municipios de Laxe e Carballo con 15 novas paradas non integradas nestes dous municipios e no de Cabana de Bergantiños, facilitando así o acceso en transporte público ao alumnado que estuda as ensinanzas non obrigatorias que se imparten no centro, como os novos ciclos de Formación Profesional implantados este curso.

Con esas melloras reforzouse a oferta de servizos entre Laxe, Cabana de Bergantiños, Carballo e Ponteceso, sobre todo nos horarios adaptados ás xornadas lectivas do centro.

Data de actualización: 31/10/2024