A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá o establecemento téxtil Maldita Shop, adherido á iniciativa

Martina Aneiros anima a descargar o Bono Activa Comercio co que acceder a descontos de ata 30 euros nos negocios retallistas

Esta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está dotada dun orzamento de 2,5 M€ e prevé mobilizar 12 M€

Os bonos descargados poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance o orzamento da convocatoria

Cedeira (A Coruña), 5 de novembro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o establecemento téxtil Maldita Shop, en Cedeira, con motivo do lanzamento da nova edición do Bono Activa Comercio. Este é un dos máis de 6.600 negocios de toda Galicia adheridos ata o momento a esta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que ten por obxectivo incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.

A delegada territorial lembrou que xa están dispoñibles para a súa descarga na web www.bonosactivacomercio.gal os bonos de 30 euros de desconto a gastar nas compras que se realicen nos comercios vencellados. Ata o día de hoxe lévanse descargado preto de 209.000 bonos.

“Unha vez descargados hai que empregalos canto antes xa que non se limitará o número de usuarios que poden descargar os bonos, de xeito que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 M€ de orzamento cos que se dota esta convocatoria, os bonos que se teñan descargado xa non se poderán empregar”, aclarou. A Xunta prevé mobilizar 12 M€ en vendas.

Como en anteriores edicións, os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. Só se permitirá descargar un único bono por persoa, e o importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros. 

Martina Aneiros animou tamén aos establecementos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a sumarse a esta iniciativa para o que teñen de prazo ata o próximo 15 de decembro e manifestou o apoio prioritario do Goberno galego a este sector comercial retallista “como referente dun servizo de proximidade e de calidade a través do que se contribúe a xerar oportunidades no territorio e a fixar poboación”, dixo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/11/2024