Belén do Campo anima aos coruñeses a aproveitar os descontos desta nova edición do Bono Activa Comercio dotada con 2,5 M€
Os bonos descargados poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos realizados en compravendas alcance o orzamento da convocatoria
As edicións anteriores desta iniciativa contribuíron á reactivación das vendas no comercio local e a incentivar a demanda das persoas consumidoras, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 77 millóns de euros
Esta iniciativa enmárcase nas medidas do Goberno galego para revitalizar o comercio de proximidade, obxectivo polo que está a elaborar o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que se prevé ter listo no primeiro trimestre do ano que vén
A Coruña, 5 de novembro de 2024
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou a óptica Miraben, un dos establecementos xa adheridos á segunda edición dos bonos Activa Comercio 2024, dotada con 2,5 millóns de euros. A representante do Goberno autonómico animou a todos os coruñeses a descargar o bono desconto na web www.bonosactivacomercio.gal e a consumilos o antes posible porque estarán activos ata o esgotamento de crédito.
Ademais, agradeceu aos comerciantes da provincia que se uniran a esta segunda edición para contar cun maior número de establecementos posibles. A representante do Goberno autonómico sinalou que a día de hoxe xa están adheridos na provincia da Coruña máis de 2.000 comercios, e na cidade da Coruña máis de 400 e que na provincia da Coruña xa se levan gastados máis de 440.000 euros, e en toda Galicia máis de 1,3 millóns de euros. O número de bonos descargados en toda Galicia é de preto de 209.000 bonos.
Belén do Campo lembrou que con esta nova edición serán 5 millóns de euros os destinados en 2024 a esta iniciativa, xa que houbo unha convocatoria anterior no mes de abril que tamén contou cun orzamento de 2,5 millóns de euros.
A delegada da Xunta de Galicia apuntou que este programa ten como obxectivo a “potenciación do comercio local e incentivar a demanda comercial, axudando economicamente as persoas consumidoras, e fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña”. Con esta nova edición, o Goberno galego prevé mobilizar arredor 12 millóns de euros en vendas nos establecementos comerciais de proximidade de Galicia. Cada bono terá un desconto de 30 euros” aclarou a delegada.
Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, tal e como apuntou a delegada da Xunta de Galicia, será de “5 euros para compras de entre 20 e 30 €; 10 euros de rebaixa para compras de entre 30 e 50 €; e 15 euros no caso de superar os 50 € de compra”. Como en anteriores ocasións, “cada persoa poderá descargar un único bono”, e non se limitará o número de usuarios que poden descargar os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Polo tanto, o prazo máximo para gastar o bonos será ata o esgotamento do crédito.
Edicións anteriores
As edicións anteriores desta iniciativa, iniciada no 2021, contribuíron á reactivación das vendas no comercio local e a incentivar a demanda das persoas consumidoras, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 77 millóns de euros. A última edición, convocada en abril deste ano, saldouse con máis de 6.800 comercios adheridos en toda Galicia, preto de 300.000 bonos descargados e arredor de 12 millóns de euros mobilizados en compras, dos cales a Xunta puxo á disposición un crédito de 2,5 millóns de euros en descontos de ata 30 euros por persoa.
Medidas para revitalizar o comercio local
O bono Activa Comercio é unha das medidas para revitalizar o comercio de proximidade e súmase a outras actuacións destinadas, por exemplo, a potenciar as prazas de abastos, co obxectivo de incrementar a competitividade deste sector e incentivar o consumo, así como a xeración de puntos de atracción comercial nas cidades e vilas galegas.
Outra iniciativa son os Premios do Comercio Galego 2024, para recoñecer o labor dos profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas.
A maiores, o Goberno galego está a traballar na elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que se prevé ter listo no primeiro trimestre do ano que vén e que ten como obxectivo potenciar o comercio local e impulsar a súa competitividade. Neste sentido, estanse a facer encontros participativos con comerciantes e representantes de asociacións das catro provincias galegas.