A Xunta pon en valor o labor realizado durante 25 anos pola fundación Autismo Coruña en favor das persoas con TEA e as súas familias
A directora xeral de Persoas con Discapacidade felicitou a esta entidade por consolidar “unha Galicia máis accesible, máis acolledora e inclusiva” e animouna a seguir traballando e rompendo barreiras
A Coruña, 8 de novembro de 2024
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou hoxe nos actos de celebración do 25 aniversario da Fundación Autismo Coruña. Na celebración, felicitou a esta entidade coruñesa “por un cuarto de século liderando a defensa dos dereitos das persoas con trastorno do espectro autista, visibilizando a súa realidade e sensibilizando a toda a poboación”.
A Fundación Barrié acolleu esta celebración, na que se fixo entrega dun selo de Correos conmemorativo desta data e que contou cun recital musical. No acto, Begoña Abeijón felicitou á Fundación Autismo Coruña “por traballar arreo e sen descanso” desde a cidade herculina para consolidar “unha Galicia máis accesible, máis acolledora e máis inclusiva”. Neste sentido, enxalzou o labor realizado por esta entidade, acompañando durante anos ás persoas con TEA e ás súas familias.
Durante a súa intervención, lembrou que a Xunta de Galicia ten “sempre a man tendida coas entidades sociais” e fixo fincapé en que esta estreita colaboración ten como obxectivo que as persoas con autismo “teñan todos os coidados necesarios desde que nacen ata que se fan maiores”.
Neste sentido, puxo en valor o traballo do Goberno galego na ampliación da rede de atención temperá, que este ano sumou seis novas unidades ata chegar ás 51 en Galicia, que atenden a 200 concellos e a máis de 5.000 nenos e nenas. Ademais, lembrou os programas de actividades, de apoio ás familias e de mellora da empregabilidade e da formación de persoas con discapacidade. Por último, destacou que se sigue traballando no eido da atención diúrna e residencial, que se verá ampliada coa posta en marcha dun novo centro destinado ás persoas con autismo en Friol, ao que a Xunta destinará 4 millóns de euros.