A Xunta enxalza o labor do voluntariado de Protección Civil ante situacións de risco e catástrofes
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou a agrupación de voluntarios e voluntarias de Oroso
A Xunta investiu nos últimos anos máis de 24 millóns de euros en apoio ao funcionamento, á dotación de equipamento e á formación para estes servizos de emerxencias municipais
Oroso (A Coruña), 8 de novembro de 2024
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Oroso, onde enxalzou o labor destes colectivos ante situacións de risco, sinistros e catástrofes como se está comprobar estes días na Comunidade de Valencia. Nesta liña, lembrou que a Xunta coordina na zona máis de 200 profesionais e diversos medios galegos de distintas administracións, entre os que se inclúen máis de medio cento de voluntarios dunha vintena agrupacións de toda Galicia con vehículos, remolques, bombas de achique, tendas de emerxencias, equipos de excarceración e outros materiais.
O director xeral sinalou o compromiso do Goberno galego coas AVPC, ás que apoia a través de liñas específicas de axudas tanto para o seu funcionamento como para equipamento. Concretamente a agrupación de Oroso recibiu nos últimos anos achegas que suman máis de 34.000 euros e dotacións presupostadas en case 45.000 euros. Nestas últimas figuran unha tenda de campaña, un remolque, un desfibrilador e un furgón, entre outros materiais.
O director xeral sinalou que precisamente onte se publicou a resolución da orde equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios galegos que conten con agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC). Segundo indicou, 87 municipios resultaron beneficiarios da medida, á que o Goberno galego destina máis de 400.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2021-2027. Deste global, 24 concellos son da provincia da Coruña, que recibirán material que representa un investimento de case 76.000 euros.
A orde de equipamento forma parte das actuacións da Xunta dirixidas a dotar do material necesario aos concellos con servizos de protección civil e emerxencias, pese a que estes son competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación-. de maneira que poidan levar a cabo a súa actividade con eficacia e seguridade. Así, as diferentes liñas de axuda coas que contan supuxeron un investimento superior aos 24 millóns de euros nos últimos anos.
Este financiamento permitiulles reforzar o seu equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario. A isto súmase unha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos.
A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un cento de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.