O presidente da Xunta visitou este espazo natural entre os concellos de Laxe e Vimianzo

Rueda destaca a posta en marcha do Plan de xestión dos Penedos de Pasarela e Traba, o primeiro para unha paisaxe protexida que se aproba en Galicia

Este instrumento define os valores a protexer, os posibles riscos na zona e regula as actividades que se poden realizar ou non neste conxunto granítico

Salienta a importancia de “aproveitar e coidar ao máximo” este espazo natural e promovelo como exemplo do turismo que busca Galicia, “sostible, de paisaxe e respectuoso co medio”

Destina 600.000 € a preto de 30 medidas como eliminar especies invasoras, plantar árbores autóctonas, inventariar a toponimia da contorna ou mellorar a sinalización

Laxe (A Coruña), 13 de novembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a posta en marcha do Plan de xestión dos Penedos de Pasarela e Traba, o primeiro que se aproba en Galicia para garantir a protección e conservación dunha paisaxe protexida. “Isto vai permitir contar cunha planificación e un orzamento para aproveitar e coidar ao máximo este espazo”, indicou durante unha visita a este macizo localizado entre os municipios coruñeses de Laxe e Vimianzo. 

Trátase dun espazo natural único pola singularidade e valor da súa xeomorfoloxía, pola riqueza da súa biodiversidade e pola súa situación xeográfica, que o converte nun balcón natural cara ao Atlántico. 

Por iso, durante o percorrido pola zona -no que estivo acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez-, Rueda salientou a importancia de contar cun Plan de xestión para “sinalizar, ordenar e promover este espazo coma un recurso turístico”. Nesta liña, indicou que os Penedos se axustan ao turismo polo que aposta Galicia, “un turismo sostible, de paisaxe e respectuoso co medio”.

O Plan de xestión -publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia e que entrará en vigor en 20 días- busca definir cales son os principais valores da zona a protexer, os posibles riscos así como regular os usos e actividades que se poden realizar neste espazo natural.  Está dotado de case 600.000 € e inclúe preto dunha trintena de medidas tanto para preservar o espazo natural como para promocionar e difundir a súa singularidade e importancia. 

Entre as iniciativas que se van a levar a cabo estará a plantación de árbores autóctonas, a eliminación de especies invasoras, o inventariado da toponimia e as lendas da zona, a limpeza e conservación dos viarios, a instalación de novos paneis informativos e mellora da sinalización. Tamén inclúe estudos sobre os efectos do cambio climático neste espazo ou a posta en marcha de visitas guiadas da man dun xeólogo e a elaboración de novo material divulgativo, entre outras accións. 

Espazo protexido

Os Penedos de Pasarela e Traba, declarados paisaxe protexida no ano 2008, conforman un territorio constituído por un conxunto de elevacións graníticas que se prolongan durante 2,5 quilómetros de norte a sur, entre os concellos de Vimianzo e Laxe. O conxunto destaca polo seu valor científico xa que permite coñecer a evolución da paisaxe nesta zona pola súa biodiversidade con presenza de piñeiros, prados, bosques de loureiro, de ribeira e carballeiras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2024