Unha ducia de concellos de Lugo benefícianse da orde de equipamento para Protección Civil da Xunta
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou a agrupación de voluntarios e voluntarias de Cervantes, que recibe un kit de ferramentas eléctricas ao abeiro desta liña de axudas
A Xunta investiu nos últimos anos máis de 24 millóns de euros en apoio ao funcionamento, á dotación de equipamento e á formación para estes servizos de emerxencias municipais
Cervantes (Lugo), 13 de novembro de 2024
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Cervantes, un dos concellos beneficiados pola orde equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios galegos que conten con agrupacións de Protección Civil. No conxunto da provincia hai 12 concellos beneficiados, que recibirán material que representa un investimento de case 100.000 euros.
Xunto con Cervantes, que recibe un kit de ferramentas eléctricas ao igual que Meira, resultaron beneficiarios Chantada, Monforte de Lemos, O Vicedo e Vilalba, que reciben kits de material loxístico de seguridade viaria; Barreiros, Ribeira de Piquín, Trabada e O Valadouro, dotados con remolques, Negueira de Muñiz e Xermade, con respectivas tendas de campaña.
No conxunto de Galicia son 87 os municipios resultaron beneficiarios da medida, á que o Goberno galego destina máis de 400.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2021-2027. Segundo indicou o director xeral, esta liña de axudas enmárcase no compromiso do Goberno galego con estas entidades, ás que presta apoio tanto para o seu funcionamento como para equipamento.
Máis de 100.000€ investidos en Cervantes
Concretamente a agrupación de Cervantes, que conta na actualidade con preto de 30 efectivos, recibiu nos últimos anos achegas que suman preto de 17.000 euros e dotacións presupostadas en case 74.000 euros. Nestas últimas figuran un vehículo pick up e un remolque, así como coitela quitaneves, esparexedor de sal, desfibriladores ou un kit de material loxístico de seguridade viaria, entre outros.
A orde de equipamento, cuxa resolución foi publicada a semana pasada no Diario Oficial de Galicia, forma parte das actuacións da Xunta dirixidas a dotar do material necesario aos concellos con servizos de protección civil e emerxencias, pese a que estes son competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación-, de maneira que poidan levar a cabo a súa actividade con eficacia e seguridade. Así, as diferentes liñas de axuda coas que contan supuxeron un investimento superior aos 24 millóns de euros nos últimos anos.
Este financiamento permitiulles reforzar o seu equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario. A isto súmase unha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos.
A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un cento de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.