A delegada territorial da Xunta en Ferrol reúnese co presidente da asociación cultural Lenda Ártabra co obxectivo de analizar posibles vías de colaboración
Ferrol, 14 de novembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse esta tarde co presidente da asociación cultural Lenda Ártabra, Alberto Hermáns, co fin de coñecer as actividades e proxectos nos que se atopa inmersa a entidade nesta nova etapa e analizar posibles vías de colaboración.
Aneiros aproveitou a ocasión para interesarse polo labor de recuperación e divulgación do patrimonio cultural galego que leva a cabo a entidade e polo traballo musical dos seus dous principais activos: o grupo de música folk Lenda Ártabra Folk e o grupo de pandeireteiras e cantareiras Ghaldaripas.
Lenda Ártabra é o nome actual da antiga asociación cultural etnográfica Norkfolk, creada hai máis de 15 anos co obxectivo de difundir e defender a cultura galega, principalmente por medio da música.
O encontro enmárcase na rolda de contactos que a delegada territorial vén mantendo co tecido asociativo da zona co obxecto de coñecer de primeira man as súas necesidades e demandas relacionadas coa Administración autonómica.